Estás aquí: Inicio » Programa » O territorio galego: o noso tesouro » Protexer o país e a súa riqueza natural e animal

Protexer o país e a súa riqueza natural e animal

Dende o poder galego procuraremos a harmonización entre a protección e conservación da natureza, coa consolidación e desenvolvemento dun turismo sustentable no noso país. Apostaremos pola adaptación de Galicia ao cambio climático, un dos desafíos máis grandes do noso tempo. Elaboraremos a primeira Lei de protección animal e convivencia responsable.

1300. Conservación da Natureza e Desenvolvemento Turístico

A Xunta de Galicia iniciará a revisión participativa do Catálogo de Especies Ameazadas e dos seus Plans de Conservación e Recuperación. Así mesmo, porá en marcha a ampliación da Rede Natura e a creación do Catálogo de Paisaxes de Interese. Todos estes recursos e as estratexias para a súa conservación serán un motor do turismo natural en Galicia. Aproveitando as sinerxías entre natureza e capital rural, a Xunta de Galicia converterá a nosa Comunidade Autónoma nunha referencia europea e mundial do turismo de natureza. Os custes económicos de pór en marcha as medidas conservacionistas enunciadas son relativamente baixas. A participación dos axentes sociais, dos colexios profesionais e da sociedade en xeral faise imprescindible para o éxito desa estratexia.A ampla rede de turismo rural existe en Galicia poderá ampliar a súa oferta de servizos. Esta medida irá acompañada da derrogación da Lei de Conservación da Natureza de Galicia, e elaboración dunha nova lei acorde coas necesidades ambientais actuais, acorde con novas directivas/leis europeas/estatais de protección ambiental e tendo en conta normas sectoriais que inciden na conservación.

2301. Aprobación da Lei Galega de Mitigación e Adaptación ao Cambio Climático

Esta norma terá como principal obxectivo definir a estratexia galega contra o cambio climático. Terá efectos en moitos campos da actividade humana e económica. Definirá unha estratexia que favoreza a eficiencia enerxética (nas familias e nas industrias e servizos) e o impulso todas as fontes enerxéticas de orixe renovable; tentará que as fontes enerxéticas e a produción de residuos fagan fronte ao todos os custes que producen; fomentará a descentralización enerxética para reducir as emisións no transporte (favorecendo o transporte colectivo de persoas) e incentivando a redución da velocidade máxima en vías intraurbanas; impulsará cambios nas políticas forestais, agrícolas e gandeiras para facelas menos demandantes de combustíbeis fósiles; establecerá un marco de apoio ao I+D+i para favorecer a mitigación dos efectos do cambio climático.

3302.Creación da nova Lei de protección animal e convivencia responsable

Seguindo as pautas normativas dos países da nosa contorna, deseñaremos un novo marco lexislativo para a protección dos animais e para unha convivencia responsable. Esa lei incluirá a prohibición do maltrato animal en espectáculos coma a tauromaquia ou o tiro ao pombiño, a prohibición do uso de animais en espectáculos circenses e atraccións feirais, medidas de apoio á reformulación de parques zoolóxicos e acuarios co obxectivo de reintroducir aqueles animais que sexa posible liberar e a conversión deses espazos en centros de recuperación de fauna. A Lei servirá tamén para impulsar a Estratexia Galega de prevención do abandono e maltrato animal 2016-2020.


X