Políticas específicas para as zonas de montaña
Ao igual que sucede noutros territorios, as áreas de montaña de Galicia caracterízanse polas limitacións das opcións de uso da terra e un maior custe relativo para a súa mobilización, debido a factores ambientais e orográficos. Xunto a estes, a Xunta de Galicia nunca ata agora entendeu as particularidades deses territorios polo que neles avanzaron moito máis rápido os procesos de marxinalización, vulnerabilidade social e ambiental e as conseguintes desvantaxes socioeconómicas (despoboación e carencia de servizos básicos). Ao longo deste programa electoral hai moitas medidas que se refiren a servizos básicos para toda a poboación, incluída a da alta montaña, que non imos reproducir agora. Pero desde a política sectorial do mundo rural, o goberno galego tomará as seguintes medidas específicas en relación coa alta montaña:
Elaborará a “Lei para o desenvolvemento da Montaña Galega”, en base á premisa de cohesión social e territorial, promovendo o desenvolvemento local e sustentable e mediante a posta en valor das potencialidades de cada zona e a xeración de riqueza endóxena. Nesta lei contemplaremos a identificación e delimitación das áreas de montaña de Galicia, coa súa correspondente caracterización e tipificación tendo en conta criterios físicos, paisaxísticos, topográficos, bioclimáticos e socioeconómicos.
Nesa Lei contemplarase a realización de Plans integrais das comarcas da Montaña que xeren un desenvolvemento socioeconómico equilibrado en todo o territorio, apostando por modelos de desenvolvemento que combinen a conservación dos valores ambientais deses territorios co aproveitamento eficaz dos recursos existentes.
Favorecerá as infraestruturas e servizos baseados na conservación dos recursos naturais, paisaxísticos e culturais que posúen da zona. No caso da Estación de Montaña de Manzaneda, a Xunta de Galicia tentará contribuír a consolidala como un referente do turismo de montaña no norte da Península Ibérica.
O goberno galego nas axudas derivadas da PAC contemplará as singularidades das terras de alta montaña. Incluíra a definición territorial das áreas de montaña nas Políticas de Desenvolvemento Rural e eliminará as trabas derivadas da situación das terras, como a pendente ou superficie mínima.