Estás aquí: Inicio » Programa » O territorio galego: o noso tesouro » Organizar o territorio para vertebrar o país

Organizar o territorio para vertebrar o país

Temos un compromiso firme na vertebración de Galicia. Precisamos unha ordenación efectiva do territorio que defina novas áreas urbanas ou metropolitanas e que avance no proceso de comarcalización de servizos nas áreas do noso rural. Actualizaremos as Directrices de Ordenación de Territorio, tendo en conta todo o conxunto. Modificaremos o Plan de Ordenación do Litoral equilibrando a protección ambiental e o goce do territorio costeiro. Reivindicaremos o dereito de Galicia a desenvolver as súas propias políticas de protección costeira.

1212. Ordenación efectiva do territorio.

Precisamos un novo ordenamento territorial adaptado á situación actual do país. Nas últimas décadas a Xunta de Galicia foi a remolque da realidade e non actuou como ente con competencia para ordenar. Aprobaremos as novas Áreas urbanas ou metropolitanas e desenvolveremos a xa creada de Vigo. Tamén implementaremos as comarcas nas zonas máis rurais co fin de crear estruturas administrativas axeitadas para desenvolver unha planificación eficiente da acción do goberno galego, planificación urbanística, políticas de mobilidade, xestión de residuos, servizos sociais, entre outras. Aprobaremos unha Lei de ordenación territorial galega que modifique a Lei 10/1995 actual. Complementariamente incentivaremos o baleirado funcional das Deputacións mantendo o obxectivo estratéxico da súa disolución que continuaremos a reclamar ao Goberno español.

2213. Traballar á escala axeitada

É preciso un ordenamento político e administrativo adaptado ao país. Nas áreas urbanas aprobaremos as leis de novas Áreas Metropolitanas, desenvolvendo a xa creada de Vigo e nas rurais as comarcas, coa fin de crear estruturas administrativas e políticas á escala axeitada para desenvolver a planificación urbanística, políticas de mobilidade, de xestión de residuos, servizos sociais, etc. Ademais avogaremos por un recoñecemento xurídico administrativo efectivo das parroquias.

Aprobaremos unha Lei de Comarcas de Galicia e unha nova Lei de Administración Local de Galicia. Modificaremos a Lei 10/1995 de Ordenación do Territorio. Complementariamente ao desenvolvemento das comarcas e áreas metropolitanas procederemos ao baleirado funcional das Deputacións xa que a competencia para a supresión, que sería finalmente o obxectivo, non é autonómica. Con este obxectivo aprobaremos unha nova Lei de Coordinación das Deputacións.

3214. Superar as lóxicas localistas

Desenvolveremos o articulado da Lei 10/1995 para impulsar ferramentas de Ordenación do Territorio a escala supramunicipal de tipo vinculante que afasten a planificación territorial das lóxicas localistas e curtopracistas que sustentan a xestión urbanística no actual marco lexislativo.

4215. Coordinar as políticas do territorio

Levaremos a cabo unha redefinición do Instituto de Estudos do Territorio (IET) como grande organismo de coordinación de todas as políticas sectoriais que teñan que ver con determinacións territoriais. Ademais o IET deseñará e elaborará un Plan Cartográfico de Galicia (PCG), en colaboración con todos os axentes sociais e políticos que se sintan implicados, coa fin de ofrecer á cidadanía información cartográfica, toponímica e xeográfica de carácter público e gratuíto con formato dixital aberto e intercambiable. En consonancia e en colaboración con outros servizos implicados, deseñará e elaborará un Plan de Modernización da Información Patrimonial de Galiza e dos Camiños de Santiago, coas mesmas premisas que o PCG.

5216.Directrices de Ordenación do Territorio e Plan de Ordenación do Litoral.

O novo modelo territorial galego priorizará a rehabilitación e a rexeneración da zona urbana construída evitando a expansión especulativa, garantindo a protección do valor dos solos, sexan agronómicos, forestais ou paisaxísticos ou das restantes categorías de solos protexidos. Actualizaremos as Directrices de Ordenación de Territorio, tendo en conta todo o territorio no seu conxunto. Modificaremos o Plan de Ordenación do Litoral equilibrando a protección ambiental e o goce do territorio costeiro.

6217. Xestión do dominio público marítimo-terrestre e das bacías hidrográficas.

Reivindicaremos o dereito de Galicia a desenvolver as súas propias políticas de protección costeira. A nosa costa ten unha serie de particularidades que a singularizan fronte á do resto do Estado, xa que conta cunhas características únicas. Os asentamentos de poboación na costa galega tampouco teñen as mesmas características que a doutras zonas, e polo tanto precisan de lexislación adaptada a esta realidade.

7218. Aprender o territorio

O Goberno Galego desenvolverá e deseñará ferramentas didácticas e pedagóxicas para o coñecemento do territorio galego dirixidas a todos os niveis e ciclos educativos,e dotará de ferramentas e medios para a formación do propio persoal da administración.


X