Estás aquí: Inicio » Programa » O territorio galego: o noso tesouro » Organizar espazos de benestar e solidariedade

Organizar espazos de benestar e solidariedade

O poder galego creará unha nova Lei do solo, como unha ferramenta para evitar a especulación. Apostaremos polo acceso a unha vivenda digna para todos os galegos e galegas, que poderán participar nos procesos de toma de decisións urbanísticas. Promoveremos a rehabilitación integral das zonas históricas. Realizaremos estudos sobre o impacto socio-económico de carácter obrigatorio naquelas actuacións que supoñan unha modificación importante no noso territorio.

1219. Nova Lei do Solo contra a especulación.

Derrogaremos a Lei 2/2016 do Solo de Galicia porque fomenta a especulación inmobiliaria e a expansión urbana incontrolada, considerando o medio rural como espazo residual excluído da planificación. Aprobaremos unha nova lei que garanta o dereito de todas as persoas a participar nos procesos de toma de decisións urbanísticas, o acceso a unha vivenda digna nun contorno amable e confortable, promova a rehabilitación integral das zonas históricas e dos barrios máis vulnerables, evite a especulación do solo e a corrupción urbanística, conserve o patrimonio cultural construído e dos sinais de identidade, reforce a seguridade xurídica e o cumprimento da normativa urbanística en condicións de igualdade para todas as persoas.

2220. Estudos de impacto socio-económico obrigatorios.

Os proxectos de infraestruturas supoñen modificacións sobre o territorio, o medio-ambiente e tamén sobre o sistema socio-económico do lugar en que se instalan. Dentro da política de contratación responsable impulsaremos unha instrución para a realización de estudos de impacto socio-económico e medioambiental en aquelas obras que superen os 10 millóns de euros de orzamento. É preciso a racionalización dos investimentos en infraestruturas. Nun contexto no que se recortan os servizos sociais básicos as actuacións de novas infraestruturas deben de executarse só despois desta rigorosa análise que teña en conta o custe de oportunidade.

3221. Impedir o negocio urbanístico co lume

O Goberno Galego deseñará ferramentas, en coordinación cos servizos competentes, para impedir as recualificacións de terreos que teñan padecido unha catástrofe natural (incendio, asolagamento, derrubo), que deberán, pola contra, manter as súas condicións anteriores para a súa rexeneración.

4222. Axilizar o planeamento

O Goberno Galego axilizará a tramitación das figuras de planeamento xeral, parcial e sectorial para o conxunto dos concellos do país. Do mesmo xeito, deseñará de xeito consensuado, unha nova ferramenta lexislativa para a ordenación urbanística co fin de garantir un desenvolvemento coherente coas necesidades sociais e as formas de ocupación existentes.


X