Estás aquí: Inicio » Programa » O territorio galego: o noso tesouro » A nosa aposta pola sustentabilidade

A nosa aposta pola sustentabilidade

Entendemos que os residuos que mellor se transforman son aqueles que non se xeran. Apostaremos por unha nova estratexia galega na xestión de residuos, que apostará pola descentralización e o diálogo coas diferentes administracións locais. O poder galego apostará polo aproveitamento enerxético de incombustibles sólidos.

1298. A nova Estratexia Galega de Xestión de Residuos Sólidos.

A Estratexia partirá da premisa de que o mellor residuo é o que non se xera e o que non se transporta, apostando pola descentralización da súa xestión. Desenvolveremos solucións que serán ambiental e economicamente máis desexables e compatibles cos obxectivos marcados pola UE para este ámbito: permitirá aforrar cartos públicos e privados, reducir as emisións de gases contaminantes e, finalmente, xerar novas oportunidades de emprego. Esta nova Estratexia compartirá obxectivos coa Estratexia Galega de Educación Ambiental, estando ambas as dúas dentro da Lei Galega de Mitigación e Adaptación ao Cambio Climático. No curto prazo os obxectivos serán: reducir a cero os residuos destinados a vertedoiro, o incremento da redución de residuos en orixe, colaboracións cos Concellos e coas Deputacións para a posta en marcha de sistemas de compostaxe comunitaria e/ou individual, o aumento dos Puntos Limpos, a creación dos Puntos Verdes e a adecuación dos programas e plans de xestión de todo tipo de residuos.

2299. Biocombustibles sólidos.

A Xunta de Galicia definirá estratexias comarcais para a produción de biocombustibles sólidos (estelas) mediante o aproveitamento enerxético da biomasa residual forestal con fins enerxéticos. Na actualidade, moita biomasa forestal residual fica no monte cando se realizan tarefas silvícolas como mondas, podas ou cortas a feito. Eses residuos algunhas veces son triturados, supoñendo un custe para o propietario. Outras veces fican amontoados ou mesmo esparexidos polo monte. Son un combustíbel que acelera os incendios. Mediante esta medida, incluso coa valorización dos residuos leñosos derivados dos coidados dos parques e xardíns urbanos, pódense conseguir efectos positivos sobre a renda dos propietarios dos montes, redúcese a masa de combustíbel que fica no monte e contribúese a reducir a dependencia de materias primas importadas para producir enerxía, sobre todo na súa forma de calor.


X