Estás aquí: Inicio » Programa » O territorio galego: o noso tesouro » Mobilización da terra produtiva

Mobilización da terra produtiva

A superficie agraria en Galicia está en diminución desde hai máis de 60 anos; pola contra, a superficie forestal incrementouse en boa medida co cultivo de especies exóticas de crecemento rápido. A forestación de terras agrarias e áreas de interese natural é o último chanzo na expulsión de traballadores do mundo rural, da perda de competitividade, da degradación medioambiental e paisaxística e dun dispendio de cartos públicos. Este proceso debe ser revertido se queremos ter un mundo rural poboado e dinámico que poida garantir a soberanía alimentar e se queremos minimizar as sucesivas vagas de lumes que periodicamente asolan o territorio. Polo tanto, incentivaranse aquelas políticas e actividades que contribúan a frear este proceso. En numerosas ocasións o marco normativo vixente contempla instrumentos de utilidade para abordar os retos da mobilización produtiva de terras, radicando o problema na inacción ou na infradotación de recursos por nula vontade política da Xunta de Galicia. Noutros casos son necesarias solucións innovadoras. Desde En Marea contemplamos o seguinte conxunto de medidas para a mobilización produtiva de terras:

1223. Frear a perda de superficie agraria útil e a protección do solo de maior aptitude agraria

A superficie agraria é un recurso escaso e estratéxico: en boa medida co cumprimento e desenvolvemento das Directrices de Ordenación do Territorio e a aplicación efectiva e responsable do marco legal vixente (como a Lei de Mobilidade de Terras ou algúns preceptos da Lei de Montes).

2224. Estratexia Galega de Administración de Terras

O goberno galego creará unha estratexia para desacelerar a inmobilización de terras asociada ó déficit de información, á presenza de conflitos, de titularidades descoñecidas, á problemática de deslindes, etc., relacionados coa propiedade rústica a través dun novo Servizo de Apoio á Xestión de Terras de Galicia. Mellorarase e impulsaranse, asemade, os deslindes, inventario e cartografado dos Montes Veciñais en Man Común, analizando a situación actual de xestión e aplicando as responsabilidades subsidiarias da Xunta de Galicia en relación á mesma.

3225. Xestión de terras

Dentro da Estratexia de Administración de Terras de Galicia, o goberno galego artellará as medidas necesarias a selección, priorización e coordinación dos diferentes instrumentos de xestión de terras (re-organizacións parcelarias, banco de terras, agrupacións de xestión forestal, etc.) en función dos obxectivos funcionais e características de tenza de cada territorio. Contemplará a coordinación e aplicación de instrumentos de reforma das estruturas previstos na diferentes lexislación vixente. Habilitaremos os mecanismos necesarios para compensar en terra agraria a agricultores en procesos expropiatorios por construción de infraestruturas, minas, etc.

4226. Innovación na xestión do minifundio

O goberno galego impulsará a innovación na xestión do minifundio: impulso de iniciativas innovadoras de xestión territorial, especialmente fórmulas asociativas que superen a fragmentación da terra e das acción de cooperación público-privada. Realizará un inventario e difusión das iniciativas innovadoras existentes a modo de experiencias piloto ou laboratorios viventes.

5227. Dotación efectiva do Banco de Terras

Paralizado na práctica polo goberno do PP. A dinámica do Banco de Terras estará inserida dentro da Estratexia de Administración de Terras de Galicia, e terá como obxectivo facilitar o incremento da base territorial das explotacións e o acceso á terra de novos agricultores co obxectivo de favorecer o vivir no rural. A mobilización das terras estará ligada á posta en marcha de producións sustentables e innovadoras no rural galego.

6228. Agricultura urbana

O goberno galego porá en marcha unha liña concreta de impulso e vertebración da agricultura urbana que permita mobilizar solares infrautilizados, fomentando unha maior interrelación entre o urbano, o rural e o perirubano.

7229. Lei de Montes

Revisarase a lei 7/2012 de 30 de xuño de Montes de Galicia cos obxectivos de reverter o proceso de abandono do mundo rural por parte dos traballadores do mesmo, xerar riqueza e dinamismo no territorio, preservar a seguridade alimentar, conservar o solo, manter o ciclo da auga e demais ciclos ecosistémicos, preservar a paisaxe e a biodiversidade, permitindo deste xeito que un mundo rural multifuncional diversifique as súas opcións, evitando, ademais, que sexa unha carga económica para o conxunto da sociedade, especialmente, en relación á loita contra o lume que bota por terra o futuro de todos.


X