Estás aquí: Inicio » Programa » O territorio galego: o noso tesouro » Loita contra a mudanza climática

Loita contra a mudanza climática

O cambio climático trátase dun problema potencialmente moi grave e con efectos importantes sobre a estrutura socio-económica galega. As actuacións de mitigación (redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, GEI) a nivel autonómico e local son necesarias e deben complementar as medidas tomadas a nivel estatal e supra-estatal. O papel do goberno, e da sociedade galega en xeral, é crucial para tentarmos atallar este problema de natureza global pero que require de accións desde os ámbitos locais e autonómico. Definir unha estratexia de mitigación dos efectos do cambio climático vai moito máis alá do departamento ambiental, involucrando a todas as consellerías e tendo un carácter horizontal. Nesta estratexia:

  • Debe ser unha prioridade a preservación dos sumidoiros de carbono, débese impulsar unha agricultura e gandería que permitan a incorporación de materia orgánica ao chan e débense empregar técnicas de produción ecolóxica que minimicen as emisións e débese reconsiderar a política forestal galega, incidindo na captura de carbono e buscando solución ao grave problema dos incendios
  • A promoción da eficiencia enerxética (demanda) e das enerxías renovables deben centrar as políticas públicas, sendo fundamental que todas as fontes de enerxía se enfronten a todos os custos sociais de índole ambiental á hora da súa planificación e operación, e os impostos ambientais son o mecanismo máis acaido.
  • Débense priorizar as iniciativas que permitan o almacenamento de enerxía.
  • Débese minimizar o efecto do transporte como xerador de emisións de GEI

En definitiva, a estratexia galega contra o cambio climático debe ser o resultado de moitas políticas sectoriais, polo que En Marea propón ás seguintes medidas de actuación (complementadas coas que aparecen recollidas nos ámbitos do transporte, do modelo enerxético e outros ámbitos sectoriais):

1276. Lei de Mitigación e Adaptación á Mudanza Climática.

Incluirá as medidas para a mitigación do cambio climático nos campos da enerxía,transporte, industria, agricultura,gandería, produción forestal, xestión de residuos e manexo de áreas naturais. Así mesmo incluirá as medidas necesarias para alcanzar os obxectivos de reducións de emisións derivados dos compromisos asumidos. O goberno galego habilitará os medios económicos e técnicos requiridos para cumprir con eses obxectivos.

2277. Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética

De aplicación en todos os sectores, con 10 anos de vixencia. Será parte da Estratexia Galega de Educación Ambiental.

3278. Cooperativas de produción enerxética en base a enerxías renovables.

O goberno galego modificará os Decretos que regulan a produción de enerxía a partir de recursos renovábeis para contemplar a opción de que sexan os propios consumidores e/ou os propietarios da terras os que se convertan en promotores.

4279. Aprobación da Lei do Ceo.

A Xunta de Galicia elaborará unha norma que encamiñe un proceso de racionalización da iluminación pública e protección ante a contaminación lumínica, garantindo que o alumeado exterior dos Concellos e dos entes provinciais cumpra coa lexislación vixente ( Real Decreto 1890/2008 de 14 de novembro)

5280. Galicia libre de fracturamento hidráulico.

O Parlamento de Galicia aprobará a prohibición a proxectos de explotación, e investigación de hidrocarburos por fracturamento hidráulico.

6281. Estratexias comarcais

O goberno galego definirá estas estratexias para o aproveitamento enerxético da biomasa residual forestal para a produción de estelas con fins enerxéticos e/ou caloríficos. Esta estratexia contribuirá a reducir a dependencia enerxética de Galicia e extraerá do onte biomasa residual que na actualidade fica in situ como combustíbel para os incendios forestais.

7282. Limitación da velocidade en vías urbanas.

A Xunta de Galicia habilitará unha liña de apoio técnico e económico para os Concellos que contemplen a limitación da velocidade nas vías urbanas.


X