Estás aquí: Inicio » Programa » O territorio galego: o noso tesouro » Casas para xente e xente con casas

Casas para xente e xente con casas

Entendemos que o poder galego debe garantir o dereito ao acceso á vivenda de toda a cidadanía, entendendo que este é un dereito fundamental que debe de estar por enriba dos negocios e intereses privados. Apostaremos por un plan integral contra os desafiuzamentos, xa que queremos construír un país xusto e próspero. Aplicaremos de maneira integral a ILP elaborada pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH).

1237. A vivenda como dereito e non como negocio

Modificaremos a Lei galega de Vivenda, coa inclusión de medidas relativas á mobilización do mercado de vivendas baleiras, anti-especulación e de apoio á rehabilitación e reforma. A través desta lei garantiremos o dereito á vivenda: con regulación ampla, extensa e rigorosa das preferencias e condicións de acceso. Crearemos un banco de vivendas públicas que realice un inventario de vivendas e un seguimento da oferta-demanda, creando instrumentos de mobilización que faciliten e incorporación de vivendas deshabitadas ao banco e dotación de recursos para apoiar a rehabilitación-acondicionamento.

2238. Fomento da vivenda de alugueiro público

Aplicación e desenvolvemento de fomento do alugueiro de vivenda, comprometendo a maior parte das reservas de chan das diferentes administracións públicas para a posta a disposición de vivendas en réxime de alugueiro. Intervención pública coordinada para a xeración de oferta suficiente de vivenda protexida en alugueiro. Incremento das axudas públicas á promoción da vivenda de protección pública en alugueiro. Incluíndo a creación dun banco de vivendas rurais en réxime de aluguer que contribúa a atraer e fixar poboación nestas zonas.

3239. Plan Integral contra os desafiuzamentos

O próximo goberno galego priorizará a loita contra os desaloxo das persoas das vivendas nas que residen. Os desafiuzamentos téñense constituído como unha vulneración constante dun dereito tan fundamental e elemental como o dereito de acceso á vivenda. Para combater esta lacra colaboraremos con outras institucións e conxuntamente elaboraremos un Plan Integral de acompañamento das persoas en risco de desafiuzamento. O obxectivo é mudar o modelo e pasar da visión da vivenda como negocio á vivenda como dereito: freando a expansión urbanística especulativa, priorizando a rehabilitación e rexeneración, apostando por un Parque público de vivenda de aluguer significativo -hoxe en día non chega ao 1%-, modificando a Lei da Vivenda incrementando a dotación de vivenda de protección e pública e regulando o mercado privado de alugueiro. Crearemos un parque público de alugueiro utilizando a mobilización de vivenda baleira, especialmente as pertencentes ao SAREB. Incrementaremos, na nova lei do solo, as reservas de solo destinadas á promoción de vivenda publica para alugueiro.

4240. Aplicación integral da ILP da Plataforma de Afectados pola Hipoteca.

Ningunha persoa debe ser privada dun dereito tan básico, como o dereito á vivenda, nin pode habitar unha de xeito precario. Levaremos a cabo a aplicación integral de dita ILP, cun desenvolvemento normativo que garanta o dereito á vivenda e evite situacións de pobreza enerxética, como os cortes en subministros, que conteña medidas mesmo sancionadoras contra aquelas compañías que leven a cabo medidas abusivos de cara aos consumidores.


X