Estás aquí: Inicio » Programa » O goberno galego que constrúe un país mellor » A Xunta e o Parlamento, para a cidadanía

A Xunta e o Parlamento, para a cidadanía

Unha mellor democracia ten que ser unha democracia transparente. O poder galego e as súas administracións teñen que estar ao servizo do ben común, con medidas concretas que obriguen a transparentar determinadas informacións para que sexan de coñecemento público. Crearemos un Observatorio independente para avaliar as políticas públicas. Aprobaremos unha Lei galega de Lobbies. Apostaremos pola conxelación dos gastos inútiles e acabaremos co malgasto. Modificaremos a Lei electoral para que se reflicte dun modo máis exacto o que pensa o noso pobo. Crearemos unha Comisión de investigación para saber a verdade sobre o accidente de Angrois.

1370. Lei galega de Lobbies

Empresas, fundacións ou medios de comunicación teñen moitas veces máis influencia sobre os contidos e os destinos das políticas públicas que os intereses da cidadanía.

É por iso que, ao igual que outras administracións en proceso de modernización, En Marea impulsará desde a Xunta unha Lei de lobbies. Unha lei co obxectivo de facer transparentes as reunións e as conclusións dos encontros de altos cargos do goberno galego con grandes empresas, e que terá tamén como fin evitar as chamadas portas xiratorias.

2371. Impulsar un observatorio autonómico independente para avaliar as políticas públicas

A avaliación das políticas públicas, tanto dos seus resultados como do proceso de implantación, é un elemento chave na formulación de novas propostas e tamén unha ferramenta de control democrático. A cidadanía non só quere saber en que se gasta o seu diñeiro senón que tamén reclama información veraz acerca dos resultados que se obteñen con ese gasto, tanto dende o punto de vista da eficiencia económica como da eficacia. En Marea creará un observatorio autonómico independente coa finalidade de avaliar e auditar os distintos procesos reguladores e propoñer medidas correctoras no caso de seren necesarias.

3372. Conxelación dos gastos inútiles e eliminación do malgasto

A suposta austeridade do goberno do Partido Popular non se traduciu nun uso máis racional dos recursos públicos, mais ben ao contrario. Unha administración pública debe, como primeira norma, saber gastar. Debe eliminar o gasto inútil, mellorar os seus procesos de compras, suprimir as duplicidades, buscar estratexias de divulgación institucional que vaian ao menor custe, debe apostar e confiar nos funcionarios públicos no canto de pagar custosas asesorías a empresas externas. Controlar o gasto público será un obxectivo central da acción do goberno de En Marea, e por iso impulsaremos as modificacións lexislativas necesarias para aforrar sen deteriorar a calidade dos servizos públicos. Os gastos en publicidade institucional, protocolo, dietas, altos cargos e persoal dos gabinetes serán revisados, para eliminar privilexios e dotar dunha maior eficiencia os recursos públicos. Estimamos que os aforros poden situarse arredor do 1% do orzamento global da Xunta de Galicia.

4373. Recoñecemento da linguaxe de signos nas comunicacións oficiais

Se unha institución pública debe gobernar e xestionar para todas e todos, debe ter en conta as distintas diversidades. Dende En Marea cremos no necesario recoñecemento das linguas de signos, tanto galega como castelá, como vehículos de comunicación administrativa ao entendelas como linguas con carácter co-oficial en Galicia.

5374. Potenciación da accesibilidade universal

As leis sobre accesibilidade non son de segunda categoría. Velaremos polo cumprimento da Lei de Accesibilidade Universal, e fomentaremos un modelo de transporte público que garanta o acceso físico da poboación aos distintos servizos dunha forma digna.

6375. Modificación da lei electoral de Galicia

Galicia precisa unha revisión integral da lei de 1985 que rexe os procesos electorais autonómicos para acadar unha lei electoral que garanta a igualdade de todas as forzas políticas e de todas as persoas á hora de exerceren o seu dereito a participar nos comicios. Revisaremos a actual normativa en aspectos referentes á distribución territorial, a composición de xénero do Parlamento de Galicia e aos miles de galegos e galegas que residen no exterior. En Marea creará unha comisión de traballo que estude as actualizacións necesarias para termos unha lei electoral adecuada ao contexto político e demográfico actual.

7376. Comisión de investigación do accidente de Angrois.

Crearemos unha comisión de investigación no Parlamento de Galicia para estudar as causas do accidente ferroviario acontecido en Angrois (Santiago) o 24 de xullo de 2013, e para determinar as condicións de seguridade na rede ferroviaria de alta velocidade en Galicia. Esixiremos ao goberno do Estado que, de forma urxente, dote ás liñas ferroviarias galegas dos sistemas de seguridade axeitados para que non volvan a producirse accidentes deste tipo.

8377. Defendernos do TTIP

O goberno galego de En Marea mostrará a súa oposición á aprobación do TTIP (Parcería Transatlántica para o Comercio e os Investimentos), por supor un novo atentado contra a seguridade e a soberanía alimentaria do pobo galego.


X