Estás aquí: Inicio » Programa » O goberno galego que constrúe un país mellor » Unha nova Cultura Institucional

Unha nova Cultura Institucional

Precisamos dunha nova cultura institucional baseada na igualdade como elemento chave das profundas transformacións a emprender en Galicia, e desde En Marea asumimos ese reto. O desenvolvemento dos mecanismos institucionais para a igualdade van desde a necesidade de garantir iguais dereitos para todas as persoas ata a estratexia da integración da perspectiva de xénero, acordada internacionalmente a través da Plataforma de Acción de Beijing (1995). A inclusión da perspectiva de xénero vai afectar a avaliación de todas as políticas posibles e ao obxectivo de promover a igualdade, porque lle corresponderá, de xeito transversal, a toda a acción institucional do Goberno galego.

1391. Transversalidade da igualdade de xénero

Desde En Marea asumimos que para que a igualdade sexa real é preciso mudar o xeito de facer as cousas, e tamén a estrutura organizativa da administración pública. Crearemos unidades para a transversalidade da igualdade en cada unha das Consellerías da Xunta de Galicia, adscritas á Presidencia e en coordinación co Instituto Galego de Igualdade.

2392. Comarcalización dos servizos de igualdade

Queremos descentralizar a estrutura organizativa das políticas de xénero para que os seus efectos cheguen a todo o territorio galego, e fundamentalmente ao ámbito rural. Para iso, poremos en marcha unha rede de oficinas comarcais de igualdade.

3393. A diversidade sexual visible na institución

No Goberno de En Marea crearemos a Secretaría Xeral de Políticas LGBTI para a planificación, implementación, transversalización e avaliación de políticas LGBTI

4394. Observatorio da diversidade sexual

Crearemos o Observatorio galego da diversidade sexual e identidades de xénero, con persoal especializado en materia de dereitos humanos, dereitos das persoas lésbicas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI). Este observatorio estará á marxe dos centros de información ás mulleres, e terá capacidade sancionadora e recursos propios.

5395. Respecto ás identidades de xénero en todo o territorio

Desenvolveremos o Servizo territorial contra a misoxinia e a lgtbifobia, en colaboración coas Deputacións para termos acceso a todos os municipios. Tamén impulsaremos a creación do Centro de recursos LGBTI e de apoio ao tecido asociativo das persoas LGBTI.

6396. Orzamentos que contribúan á igualdade

O Goberno de En Marea creará unha Comisión de Avaliación do Impacto de Xénero dos Orzamentos da Xunta de Galicia e, a través da normativa específica, ofertaremos formación especializada para o persoal político e técnico responsable do proceso de incorporar a perspectiva da igualdade de xénero nos orzamentos públicos.

7397. Unha institución que aprenda para a igualdade efectiva

Durante o o primeiro ano de lexislatura, En Marea deseñará e desenvolverá un plan de formación de xénero para todo o persoal político e técnico da Xunta de Galicia.

8398. Consello Galego das Mulleres

Renovaremos e darémoslle un novo pulo ao Consello Galego das Mulleres, como axente interlocutor ante o Goberno do movemento feminista e do asociacionismo das mulleres galegas.

9399. Comisión permanente para a Igualdade de xénero

O compromiso de En Marea coa igualdade traducirase na conversión da actual Comisión non permanente para a igualdade e os dereitos das mulleres nunha Comisión permanente para a igualdade de xénero. O obxectivo é darlle estabilidade ao traballo do Parlamento en materia de igualdade, e garantir a súa transversalidade.

10400. Comisión permanente no Parlamento sobre Diversidade

Para poñer en marcha novas accións e políticas de avance na inclusión das persoas atendendo ás diversidades e á dependencia, crearemos no Parlamento de Galicia unha comisión permanente sobre diversidades. Este órgano tamén terá como obxectivo darlle visibilidade ao traballo feito neste eido.


X