Estás aquí: Inicio » Programa » O goberno galego que constrúe un país mellor » Un país solidario e cooperante

Un país solidario e cooperante

Os grandes movementos migratorios non son alleos a Galicia. En todas as familias temos exemplos de persoas que tiveron que abandonar o noso país no último século por problemas políticos e/ou económicos. Cando eses mesmos dramas son vividos noutras latitudes cómpre que o poder galego actúe dende a solidariedade. Apostamos por un país solidario e cooperante, un país de acollida que defenda un concepto de cidadanía global sen que iso supoña renunciar á nosa identidade como pobo. Apostamos porque o poder galego sexa un axente de cooperación e desenvolvemento activo destas políticas, apoiando ás organizacións representativas do sector que pretenden levar a solidariedade galega a outras partes do mundo.

1404. Galicia, país de acollida.

A situación dos milleiros de persoas que foxen da guerra e se atopan ás portas de Europa precisa dunha política responsable, que teña por eixo a dignidade de todas as persoas. Iremos máis alá das directrices marcadas polo goberno do Estado e poremos toda a capacidade de acollida do goberno galego, con fondos e equipamentos propios, para paliar e abordar de xeito integral a situación das persoas refuxiadas e migrantes.

2405. Converter a Xunta de Galicia nun axente de cooperación ao desenvolvemento activo, transparente e aberto.

Seguindo o IV Plan de Cooperación Galega, desde En Marea impulsaremos a participación directa da administración autonómica en programas estratéxicos de cooperación nos países identificados como prioritarios. Elaboraremos un Plan Director que primará a participación dos axentes sociais, de institucións como as universidades galegas e dos concellos agrupados no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O Consello Galego de Cooperación será reformado para que a representación da Xunta de Galicia non supere o 40% dos seus membros. Aseguraremos que os traballos e estudos de carácter técnico que se encarguen sexan adxudicados mediante procedementos que garantan a publicidade e libre concorrencia.

3406. Educar para acadar unha cidadanía global con compromiso solidario e fomentar a participación real e efectiva da sociedade.

O goberno galego potenciará campañas de educación para o desenvolvemento e sensibilización social, promovendo a implicación directa dos departamentos autonómicos con responsabilidades en áreas como Educación, Mocidade, Benestar Social e Igualdade. No marco do Sistema Universitario Galego promoveremos a creación dun mestrado no ámbito de cooperación ao desenvolvemento e axuda humanitaria. Incrementaremos as bolsas de formación en cooperación ao desenvolvemento ata un mínimo de 20 en 2020, e melloraremos as condicións económicas dos bolseiros e bolseiras.

4407. Fortalecer o sector da cooperación en Galicia.

Desde En Marea incrementaremos os fondos dedicados á cooperación ao desenvolvemento nun mínimo do 20% anual nos orzamentos de 2017 e seguintes, co obxectivo de ter dobrado esas partidas ao final da lexislatura. Fortaleceremos os convenios de colaboración coas plataformas e organizacións representativas do sector, así como coas universidades públicas galegas. Realizaremos unha avaliación dos resultados da convocatoria de Fortalecemento de ONGDs con carácter previo á súa reformulación e, chegado o caso, ampliaremos a dotación financeira.


X