Estás aquí: Inicio » Programa » O goberno galego que constrúe un país mellor » Participar para decidir

Participar para decidir

Queremos unha democracia ampliada, de maior calidade, na que a cidadanía galega poida decidir sobre todos os elementos que rexen a nosa vida en común. Apostaremos pola creación de orzamentos participativos, como unha ferramenta de democracia participativa aberta a todos os galegos e galegas. Aprobaremos unha Lei galega de participación democrática, que recolla a vaga de cambio político que vive Galicia nestes momentos. Crearemos unha comisión de investigación sobre a privatización das nosas caixas de aforro.

1378. Orzamentos Participativos. Un mecanismo de Democracia Directa.

O Goberno de En Marea creará mecanismos de democracia directa para que as galegas e galegos poidan decidir en que se inviste unha porcentaxe do orzamento da Xunta. A experiencia doutros territorios internacionais, estatais e mesmo galegos dinos que a cidadanía pode exercer este dereito de xeito responsable, e co valor engadido de ter un elevado grao de coñecemento sobre o territorio e as súas necesidades. En Marea comprométese a desenvolver mecanismos de democracia directa a través dunha plataforma dixital, e a levar os resultados destes procesos ao Parlamento dentro do proxecto orzamentario, sempre que sexan responsables, sustentables e viables. A Xunta de Galicia debe ser unha administración achegada e que conte coa voz das persoas, unha administración que manteña o diálogo coa cidadanía.

2379. Creación dunha Lei galega de participación democrática.

A cidadanía debe poder influír de xeito directo na actividade lexislativa do Parlamento de Galicia. En Marea avanzará na elaboración dunha Lei de participación que inclúa mecanismos de proposición e decisión, que rebaixe os límites na iniciativa lexislativa popular e a capacidade de veto que ten o Parlamento sobre a súa toma en consideración, e que favoreza a convocatoria de referendos ou procesos participativos en cuestións estratéxicas ou especialmente relevantes. Esa lei tamén contemplará a creación dunha plataforma dixital que axilice o diálogo da cidadanía coa administración.

3372. Comisión de investigación das caixas e transparencia pública do expediente da fusión

A crise do aforro galego deixou tras de si os aforros de milleiros de persoas en forma de preferentes e ao país sen unha explicación de por que foran desaparecendo progresivamente as caixas galegas e con elas o sistema financeiro galego. Impulsaremos unha comisión de investigación das caixas que aclare o ocorrido durante o proceso de fusión das caixas de aforro e deite luz sobre as causas que levaron ao non esclarecemento da estafa das preferentes. E, como primeira medida, daranse a coñecer a totalidade dos informes previos á autorización polo Consello da Xunta do expediente de fusión.


X