Estás aquí: Inicio » Programa » O goberno galego que constrúe un país mellor » O noso lugar no mundo

O noso lugar no mundo

Galicia é un país atlántico situado no sur de Europa, ponte entre a Hispanofonía e a Lusofonía, cunha importante comunidade emigrada tanto no vello continente como en América. Todas estas particularidades implican a necesidade de que o goberno galego desenvolva unha acción exterior que nos sitúe no mundo. Unhas políticas públicas que superen as debilidades actuais, que aproveiten as oportunidades derivadas da nosa situación privilexiada, e que ofreza unha planificación estratéxica a medio-longo prazo. Nun mundo cada vez máis complexo cómpre simultanear accións políticas, económicas, culturais ou sociais que aproveiten as nosas potencialidades, sobre todo as relacionadas coa nosa pertenza á Unión Europea, na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

1414. Avanzar na presenza internacional galega

Desde En Marea desenvolveremos todas as potencialidades que recolle o propio Estatuto de Autonomía, nomeadamente o artigo 35.3, e difundiremos a realidade e especificidade galegas no mundo, proxectando a personalidade internacional de Galicia mediante o pleno desenvolvemento das competencias. Conforme ao principio de subsidiaridade, Galicia poderá asinar convenios ou acordos con outras entidades (estatais ou subestatais) en materias da súa competencia. Nomeadamente, terá a capacidade específica de formalizar acordos transfronteirizos no marco da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A Comunidade Autónoma transporá directamente as Directivas europeas no ámbito das súas competencias.

2415. Galicia na Unión Europea

As políticas da Unión Europea teñen sobre o noso país unha influencia maior que sobre o resto de territorios do Estado. Por iso pularemos polo estabelecemento de canles efectivas para a participación de Galicia nos asuntos europeos co fin de salvagardar as súas competencias, con voz e voto nos comités, institucións ou órganos no que estea representada.

3416. Potenciación da Eurorrexión

O eixo Galicia-Norte de Portugal resulta unha prioridade da política exterior galega en todos os ámbitos. A eurorrexión debe actuar como un organismo real de diálogo entre os gobernos galego e portugués, e por iso traballaremos en contidos concretos que potencien esta colaboración institucional. Impulsaremos o desenvolvemento do Eixo Atlántico, reforzándoo con novas comisión sectoriais en materias de transporte e infraestruturas ou cultura, e incorporando, máis alá das administracións locais, ás distintas universidades e axentes sociais. Paliaremos a desatención estatal nas comunicacións co país veciño, en particular por ferrocarril (liña Vigo-Porto).

4417. Implicar a nosa emigración nas estratexias de acción exterior.

A acción exterior debe ter como finalidade xerar unha imaxe atractiva de Galicia no exterior, pero tamén é un método para que entre as comunidades asentadas noutros países se manteñan a lingua e a cultura galegas. Facilitaremos as ligazóns entre universidades galegas e universidades estranxeiras para o ensino da lingua galega e para a realización de estudos sobre asuntos relativos a Galicia

5418. Creación de infraestruturas de carácter permanente

O goberno galego de En Marea creará as ferramentas permanentes necesarias para promover unha estratexia integral de acción exterior pensada desde aquí. Impulsaremos unha Lei de coordinación que aglutine toda a acción exterior do goberno galego e deseñaremos un Plan global en materia de acción exterior, do que faremos o seguimento e as avaliacións pertinentes.

6419. Compromiso por unha maior promoción exterior das institucións culturais galegas.

Para que unha cultura goce de boa saúde, é preciso alimentarmos o seu coñecemento e contactos no exterior. Incentivaremos as relacións das institucións culturais galegas coas súas homólogas, con especial atención ás dos nosos contextos culturais e lingüísticos mais próximos, como é o caso de Portugal. Apoiaremos a programación conxunta e os intercambios no ámbito artístico, tanto de institucións autonómicas como de xestión municipal (CGAC, MARCO, Auditorio de Galicia, etc).

7420. Plan de retorno para facilitar a volta a casa dos galegos e as galegas emigradas.

O Goberno da Xunta garantirá nun prazo non superior a 6 meses a integración das persoas retornadas, restablecendo inmediatamente os seus dereitos sociais sen que se lles poida esixir un período mínimo de residencia. Adoptaremos as medidas necesarias para eliminar os obstáculos que lles dificultan aos galegos e galegas retornadas o acceso ás bolsas de traballo e ás prestacións e beneficios sociais existentes. Facilitaremos o acceso á vivenda de protección oficial, pisos tutelados, axudas para o alugueiro e adquisición da primeira vivenda aos e ás retornadas. As xestións administrativas centralizaranse na Oficina de Retorno e o traballo realizarase en estreita colaboración coas asociacións e federacións de persoas emigrantes e retornadas.


X