Estás aquí: Inicio » Programa » O goberno galego que constrúe un país mellor » Igualdade e políticas feministas para a calidade democrática

Igualdade e políticas feministas para a calidade democrática

Unha democracia de calidade ten que basearse na plena igualdade. A inclusión da igualdade como principio ético, teoría política e movemento social é imprescindible para mudar a sociedade actual, para buscar outra forma de estar no mundo. A inclusión da perspectiva feminista nas políticas galegas facilita a tarefa de redefinir outro sistema que recoñeza a diversidade, a interdependencia, a solidariedade e a responsabilidade social; e que asuma a redistribución equitativa dos recursos. Por iso, as políticas feministas farán parte da aposta do próximo goberno galego. Desde En Marea poremos en marcha un plan de emerxencia para acabar coa lacra dos feminicidios, estableceremos unha linguaxe inclusiva na administración galega, crearemos o Instituto Galego de Igualdade de Xénero (IGIX) e a Valedoría de Igualdade, e incrementaremos a partida orzamentaria destinada a políticas de Igualdade.

1381. Plan de emerxencia para poñer fin aos feminicidios

A resposta institucional que se está a dar fronte á violencia contra as mulleres é insuficiente e, de feito, Galicia foi en 2015 a terceira comunidade do Estado con máis mulleres asasinadas. Estamos nunha situación de emerxencia que hai que atender desde a protección, a achega de alternativas e o acompañamento nas situacións de transición emancipatoria. Deseñaremos un Plan de emerxencia, dentro da Estratexia Galega de abordaxe integral ante a violencia de xénero, e que entre as súas medidas incluirá un programa de asesoramento para mulleres que foron vítimas de trata ou explotación sexual, o reforzo da persecución do proxenetismo, a creación do estatuto de Vítima do Feminicidio ou a realización dunha macroenquisa sobre a incidencia da Violencia de Xénero ao longo do ciclo de vida das galegas.

2382. Unha linguaxe inclusiva na Administración

O respecto das diversidades e o fomento da igualdade deben mover toda a acción do goberno galego. En base a iso, e aos incumprimentos da Xunta de Alberto Núñez Feijóo, procuraremos que a linguaxe inclusiva e non sexista estea presente en todas as publicacións e comunicacións promovidas e/ou contratadas pola Administración. Cumpriremos así coa obriga que deriva da normativa en materia de igualdade tanto a nivel europeo, como estatal e autonómico (mediante o decreto lexislativo 2/2015).

3383. Creación da Valedoría da Igualdade e do Instituto Galego da Igualdade de Xénero

En Marea atenderá as reivindicacións históricas do movemento feminista galego creando o Instituto Galego de Igualdade de Xénero (IGIX) e a Valedoría da Igualdade. O primeiro será un organismo autónomo adscrito á Presidencia do Goberno galego que rexerá e coordinará o desenvolvemento das políticas de xénero da Xunta de Galicia. Pola súa banda, a Valedoría da Igualdade supervisará de oficio calquera tipo de atentado aos dereitos humanos e aos dereitos das mulleres. En Marea tamén ampliará a rede territorial dos Centros de Información Ás Mulleres (CIM), a Rede de Acollemento para Mulleres e Menores en Situación de Violencia de Xénero, e os novos servizos mancomunados contra a misoxinia e a LGTBI-Fobia.

4384. Incrementar o orzamento destinado ás políticas de Igualdade

Poñer en marcha novos organismos en materia de igualdade e reforzar a rede actual precisa dun incremento do orzamento dedicado a estas políticas. Actualmente, o presuposto asignado á igualdade de xénero é dun insuficiente 0,12%. Ademais, a contía minguou considerablemente durante os anos nos que o PP se mantivo á fronte da Xunta de Galicia. O noso compromiso é ampliar o orzamento destinado a políticas de igualdade até o 0,5% no primeiro ano e, gradualmente, até o 1% na segunda parte da lexislatura.

5385. Programa de recuperación da memoria histórica das mulleres galegas, do movemento feminista e da loita polos dereitos LGTBI e pola igualdade

É unha cuestión de xustiza darlle visibilidade e difundir a historia das mulleres. Por iso, o Goberno de En Marea porá en marcha un programa específico de recuperación da memoria histórica das mulleres, do movemento feminista e da loita polos dereitos LGTBI e pola igualdade. Queremos sacar á luz as diferentes formas de represión contra as mulleres que a Xunta do PP mantivo no esquecemento, e que mesmo Nacións Unidas denunciou nun informe publicado en 2015 no que aseguraba que este é un tema sub-explorado, sobre todo no que atinxe “ao impacto das violacións contra as mulleres que eran esposas, fillas, irmás ou netas dalgún perseguido”.

6386. Programa de empoderamento das mulleres do rural, como axentes estratéxicos para o desenvolvemento

É fundamental entender o valor do traballo que realizan as mulleres no ámbito rural, dalo a coñecer e impulsar unha igualdade real en canto a oportunidades e condicións. Para iso é preciso abrir novas perspectivas para a súa incorporación nas organizacións agrarias e nos grupos de desenvolvemento rural. A través dun programa específico, desde En Marea impulsaremos redes que aposten por un rural sostible desde a corresponsabilidade entre mulleres e homes.

7387. Lei galega de saúde sexual e reprodutiva e do dereito a decidir das mulleres.

A autonomía reprodutiva das mulleres é un dereito básico: representa o seu dereito a decidir sobre o seu corpo, a elixir libremente e de xeito responsable se desexan optar pola maternidade ou non, cando e con quen. A negación deste dereito é un mecanismo de control patriarcal que presupón a incapacidade xurídica das mulleres para decidir sobre as súas vidas. Impulsaremos a aprobación dunha lei que garanta este dereito para as mulleres galegas, independentemente da súa diversidade sexual, e coa consecuente derrogación da Lei 5/2010. A través desa nova normativa estableceremos o acceso universal a unha atención de calidade da saúde sexual e reprodutiva, na que se cumpran uns prazos mínimos para a realización de citoloxías e para a obtención dos seus resultados. Facilitaremos o acceso aos medios anticonceptivos –sobre todo entre as mulleres, as persoas mozas e colectivos minorizados-, facendo especial fincapé na prevención das enfermidades de transmisión sexual e da VIH-SIDA.

8388. Despatoloxización da transexualidade

Aprobaremos a Lei galega pola despatoloxización da transexualidade, na que se inclúa a atención específica ás menores trans e se blinde o acceso a intervencións sanitarias gratuítas, así como aos bloqueadores hormonais no caso das menores.

9389. Produción de indicadores non androcéntricos máis alá do PIB

Debemos cuestionar que é o que medimos para definir a que lle estamos a dar importancia na idea de progreso e riqueza dunha sociedade. Precisamos ampliar o foco de atención, atendendo a todo o que incide no benestar das persoas e facilita transicións sostibles a outro modelo de sociedade en igualdade. Apostamos, por tanto, pola creación dun novo mapa de indicadores que mostren que é o que está a pasar coa calidade de vida, coas relacións de desigualdade, coa fenda ecolóxica e coa capacidade de transformación das situacións de desigualdade estrutural.

10390. Estudos de avaliación do impacto de xénero obrigatorios

Garantiremos que os proxectos de especial importancia para as condicións de vida da cidadanía vaian acompañados do pertinente estudo de avaliación sobre a previsión do impacto de xénero, en cumprimento da lexislación vixente en materia de igualdade que a Xunta de Alberto Núñez Feijóo non está a aplicar - Lei Orgánica de Igualdade L.O. 3/2007 e DL galego 2/205 polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.


X