Estás aquí: Inicio » Programa » O goberno galego que constrúe un país mellor » Galega e universal

Galega e universal

En galego estamos no mundo. A lingua propia do país é a nosa maior obra colectiva e por iso debemos darlle unha atención preferente. Un idioma que permite a comunicación mais próxima e que tamén é unha xanela que abre camiños globais e favorece especialmente unha relación fluída cos países lusófonos. Promoveremos o uso transversal do galego en todos os ámbitos a través dunha galeguización íntegra da administración pública galega, tanto nas actividades internas como externas. Actualizaremos as ferramentas dispoñibles, así como o discurso lingüístico, para adaptármonos á situación actual e co obxectivo de apostar polo galego como lingua de cohesión social.

1421. Redacción dun Plan director de lingua

O noso goberno comprométese a superar o actual Plan Xeral de normalización, que non se aplicou consecuentemente pese a ser aprobado por unanimidade no Parlamento, hai máis de dez anos. Consideramos este plan como un punto de partida de consenso, mas é necesario superalo, redactando un novo Plan Director no que estean implicados todos os axentes relacionados co traballo coa lingua. Apostaremos por unha coordinación estreita entre o departamento do goberno galego responsable da Política Lingüística e os concellos de Galicia, para articular un espazo de colaboración institucional que teña como obxectivo a implementación de plans directores locais, cartas de dereitos e accións coordinadas en colaboración cos diferentes sectores da sociedade.

2422. Transversalidade da Política lingüística

O organismo administrativo encargado da política lingüística debe ter consideración equivalente a unha Consellería, e funcionará en colaboración directa coa Presidencia da Xunta. O seu principal cometido será traballar a prol da extensión social da lingua de maneira transversal e co apoio dunha comisión de persoas expertas e axentes sociais implicados. O seu cometido será dobre. Por un lado, garantir o desenvolvemento pleno dos dereitos lingüísticos das persoas usuarias, o dereito a vivir a totalidade da vida na propia lingua. Polo outro lado, establecer toda caste de medidas de promoción, desenvolvemento e presenza da lingua nos diferentes ámbitos da vida social. A infancia e a súa posibilidade de socialización en lingua galega será obxecto de atención prioritaria, tamén mediante os plans de ensino máis adecuados para garantir o pleno coñecemento e uso do idioma. Especial atención merecerá o ámbito familiar, o da transmisión de pais e nais a fillos e fillas. Para el, estableceranse plans de incentivación, axudas e colaboración.

3423. Galeguización efectiva da administración galega.

Dentro da administración pública abriremos un proceso de restauración da presenza do galego en todos os niveis e cumpriremos a legalidade, por parte do goberno galego, en materia de uso da nosa lingua tanto nas comunicacións internas como no contacto coa cidadanía. Fomentaremos e premiaremos a formación dos empregados públicos en materia de lingua, que se converterá en requisito imprescindible para o ascenso e a promoción interna dentro da administración pública. O Plan director de lingua contemplará tamén medidas efectivas de galeguización da administración.

4424. Desenvolvemento integral da Lei Paz Andrade.

A Lei de aproveitamento dos vínculos coa Lusofonía foi aprobada por unanimidade na lexislatura anterior, a partir dunha ILP que contou con 17.000 sinaturas de apoio. Aínda así, o goberno do PP non ten realizado un desenvolvemento serio desta lei polo que, amparándonos no texto lexislativo, introduciremos o portugués nos ensino medio creando as necesarias prazas de profesorado para impartilo. Ofertaremos lingua portuguesa en todas as EOI de Galicia. Estreitaremos e sistematizaremos a colaboración entre a TVG e a RTP con trocos de audiovisuais e garantindo a recepción recíproca en ambos países. Compraremos ou produciremos un programa de televisión para ensinar portugués adaptado á cidadanía galega, como complemento á realización das pertinentes xestións para a recepción do sinal das televisións portuguesas no territorio galego. Promoveremos que a acción exterior do goberno galego teña especial foco na Lusofonía solicitando o acceso e incorporación naqueles nos que sexa admitida Galicia.


X