Estás aquí: Inicio » Programa » O goberno galego que constrúe un país mellor » Decidir o noso autogoberno

Decidir o noso autogoberno

A marea galega recoñece o carácter nacional de Galicia e o dereito da cidadanía galega a decidir libremente como organizarse internamente, como xestionar os seus recursos e como relacionarse con outros pobos. Queremos que este dereito a decidir se exerza para construír, sobre bases de estrita igualdade, un marco de convivencia entre os diferentes pobos peninsulares. O noso país é un suxeito político que debe ter ferramentas que lle permitan exercer o seu autogoberno, garantir os elementos que o configuran como nación e defender o benestar das persoas que vivimos aquí. Ferramentas que defendan os nosos intereses diante do goberno español, da Unión Europea e en todos os estamentos e institucións nas que participemos como país.

Nun momento histórico no que o modelo autonómico está esgotado e non ofrece solucións por causa das constantes invasións e do baleirado do Estatuto defenderemos que os dereitos de Galicia se sitúen no mesmo nivel que os das outras nacións do Estado. Apostamos por un proceso constituínte baseado no dereito a decidir e na democracia para construír un marco xurídico-político que supere o actual réxime. Mentres este proceso non se complete apostaremos por avanzar e profundar no autogoberno, demandando a asunción polo goberno galego de competencias que agora están asumidas e xestionadas polo goberno español, así como a correlativa derrogación ou modificación da normativa básica que as regula.

1408. Máis (auto)goberno galego.

Dotaremos aos poderes públicos galegos de máis capacidade política propondo unha diminución da Administración do Estado en Galicia, eliminando duplicidades inútiles e establecendo un novo marco de relacións bilaterais co Goberno español, así como a introdución no catálogo de competencias estatais exclusivas a través da súa transferencia ou delegación. Reivindicaremos que a actual Comisión bilateral Galicia-España se transforme nun órgano político do máis alto nivel de diálogo e adopción de acordos mediante o consenso entre ambos gobernos. Proporemos que se sometan á revisión desta Comisión, previamente, todas as propostas normativas e orzamentarias do Goberno do Estado que atinxan ao ámbito galego de competencias.

2409. Maior autonomía fiscal

Esixiremos plena capacidade normativa, de xestión, e co-responsabilidade fiscal sobre os impostos que soportan os suxeitos pasivos de Galicia, con competencias para regular o financiamento suficiente das entidades locais. Reclamaremos a progresiva asignación ao goberno galego de todos os fondos estatais, incluídos os de financiamento local, de xeito que sexa a Xunta quen os distribúa de xeito territorial. Solicitaremos a transferencia da totalidade da planificación, programación e xestión dos fondos e axudas europeas, das competencias lexislativas de fixación de circunscricións electorais nas eleccións locais e das executivas de organización de todos os procesos electorais que se desenvolveren en Galicia.

3410. Transferencia das competencias en materia laboral

Queremos que o goberno galego teña a capacidade para ditar normas sobre as relacións de traballo, e que asuma todas as funcións que exercen o Instituto Nacional de Seguridade e Emprego, O Servizo Público de Emprego Estatal, a Inspección de Traballo, e o Fondo de Garantía Salarial, co oportuno traspaso deses organismos. Esixiremos a transferencia de toda a formación ocupacional para xestionar integramente desde Galicia os recursos destinados á promoción do emprego procedentes do Fondo Social Europeo.

4411. Coidemos do noso territorio.

Solicitaremos que as institucións galegas teñan a competencia para aprobar e autorizar a instalación de redes básicas de gas e oleodutos que transcorran por Galicia; así como a asunción das funcións administrativas de autorización, supervisión e control que desempeña o Estado no que ten que ver coas refinarías e almacéns de hidrocarburos radicados no noso país. Reclamaremos tamén as competencias en materia de liñas de transporte de enerxía eléctrica que discorran polo noso territorio, así como a aprobación de todos os proxectos de centrais eléctricas que se sitúen no país. Tamén reivindicaremos a transferencia das funcións que desempeña o Estado relativas á execución de obras hidráulicas de interese xeral.

5412. Convivencia e seguranza.

Desde o goberno galego, En Marea reclamará as competencias relacionadas co tráfico e coa seguranza viaria. Alén das funcións de vixilancia e prevención que asumirá a policía galega, este proceso debe completarse co traspaso de todos os servizos estatais relativos á documentación e á matriculación de vehículos, á sinalización, á realización de exames, á autorización e expedición de licenzas, recursos e sancións administrativas, ou ás taxas. Tamén queremos xestionar de xeito autónomo a regulación sobre seguranza privada, de tal maneira que se realicen desde Galicia as funcións administrativas de autorización, inspección, sanción e formación das empresas do sector. As institucións galegas reclamarán, ademais, as funcións de inspección das embarcacións marítimas e de seguranza marítima, así como a transferencia da xestión do dominio público marítimo-terrestre e o traspaso dos medios da Demarcación de Costas do Estado en Galicia ao goberno galego.

6413. Con máis competencias podemos gobernarnos mellor.

O goberno galego é quen mellor pode coñecer e gobernar a realidade galega e son moitas as competencias que se poden solicitar e reivindicar, desde unha concepción ambiciosa da xestión das nosas institucións, para facer política para a xente: o traspaso da xestión do servizo de Correos e Telecomunicacións, as competencias en materia de catastro, as competencias sobre ordenación da industria e o comercio, o traspaso de todos os centros educativos ou formativos situados en Galicia que aínda dependen da Administración central, a alta inspección do Estado...


X