Convivencia e liberdades públicas
Apostaremos por dinamizar unha sociedade activa, que defenda os seus dereitos e intereses. Formamos parte da cidadanía activa deste país, da que falou nas prazas nos momentos de indignación social e que agora aposta por levar a voz desde as prazas ao palacio. Reforzaremos todos aqueles dereitos que teñan que ver coa ampliación das liberdades públicas, en resposta ás demandas que diferentes movementos sociais representativos da nosa sociedade levan artellando nos últimos anos no noso país
Crearemos no Parlamento Galego unha comisión que vele polo efectivo cumprimento dos dereitos humanos e da súa preservación no territorio galego. Nela escoitarase de xeito activo a aquelas entidades e colectivos que traballan sobre materias vinculadas cos dereitos que máis directamente se relacionan coa dignidade da persoa.
A figura da valedoría do pobo non pode seguir dependendo unicamente da vontade política, debe cinguirse á función para a que se nomea. Modificaremos o proceso de escolla desa figura, sinalando como un dos requisitos principais a experiencia e o compromiso na defensa e ampliación dos dereitos e liberdades.
As situacións de alteración da convivencia e de exclusión non son todas iguais. Impulsaremos plans localizados de convivencia e loita contra a exclusión social que conten cos distintos concellos no seu deseño. Negociaremos coas administracións locais a cantidade e tipo de profesionais e o tipo de infraestruturas a destinar a estes plans.