Estás aquí: Inicio » Programa » O goberno galego que constrúe un país mellor

O goberno galego que constrúe un país mellor

Galicia é un país rico, construído man a man, en común, desde o esforzo colectivo, desde abaixo. O noso goberno colocará a administración galega ao servizo dese país vivo que desexa construír unha sociedade mellor. Un goberno que acompañe á xente, que non sexa un freo para as nosas aspiracións sociais e colectivas.

Un goberno galego que consiga recuperar a Xunta para a cidadanía, que a poña ao servizo da xente, do ben común. Un goberno que cimente a democracia galega na participación cidadá, que promova a toma de decisións desde o colectivo. Un goberno que saiba construír a convivencia de todas e todos, que sexa a primeira defensa das liberdades públicas, que garanta todos os nosos dereitos e conquistas. Un goberno que dignifique a administración galega e a súa función pública.

Un goberno que sexa feminista, que sexa lila, que non soporte nin un minuto máis de sufrimento e inxustiza. Un goberno que recoñeza o país como solidario, que sexa cooperante, que simbolice a xenerosidade dunha cidadanía que o dá todo por quen máis necesidades ten, onde queira que estea. Un goberno que non dubide ao decidir sobre o noso autogoberno, que reclame o noso dereito, que saiba cal é o noso lugar no mundo.

Un goberno dos máis, que traballe para construír un país mellor, que saiba que somos galegas e galegos ao tempo que somos universais. Un goberno da dignidade para un país en común.

X