Estás aquí: Inicio » Programa » A economía ao servizo da xente » Unha fiscalidade xusta para unhas finanzas transparentes

Unha fiscalidade xusta para unhas finanzas transparentes

Apostamos por unha fiscalidade na que cadaquén aporte en función dos seus ingresos. Derrogaremos o canon da auga e crearemos unha fiscalidade verde na que se graven aquelas prácticas que sexan nocivas en contra do medio natural do noso país.

1108. Fiscalidade

Revisaremos o mínimo exento do imposto de patrimonio que pasará de estar en 700.000 € a 500.000 €. Acometeremos unha revisión das deducións do IRPF, toda vez que as vinculadas a condicionantes persoais están ligadas a unha base impoñible de 22.000, cando o salario medio en Galicia é inferior. Derrogaremos o canon da auga para uso doméstico, en consonancia coa demanda de derrogación da actual lei de augas. Crearemos unha fiscalidade verde que grave, para desincentivar, as accións que agredan o medio ambiente, en particular se reforzarán os gravames sobre a contaminación atmosférica e sobre o dano ambiental da auga encorada. Crearemos un Imposto Especial de Solidariedade para Altos Ingresos.

2109. Democracia municipal e financiamento

As transferencias niveladoras que reciben as administracións municipais teñen basicamente dous obxectivos. Por unha banda, contribuír, xunto cos ingresos municipais, á suficiencia financeira dos concellos respecto das súas obrigas. Por outro lado, deben garantir que toda a cidadanía ten igualdade de acceso aos servizos á marxe do seu lugar de residencia. No caso da Xunta de Galicia estas transferencias canalizaranse a través do Fondo de Compensación Local.

Non obstante, nalgunhas ocasións estas transferencias, lonxe de poder cumprir a súa función niveladora, son empregadas para compensar unha falta de esforzo fiscal local. É dicir, algunhas corporacións financian a súa popularidade con recursos alleos, impedindo a efectiva subsanación dos atrancos estruturais que limitan o desenvolvemento. Así vemos como cada ciclo electoral os partidos no goberno incrementan o financiamento autonómico a aqueles concellos afíns que non asumiron a súa responsabilidade fiscal, nun espectáculo de insolidariedade e pobreza democrática.

Consideramos que cada concello debe ser quen de elixir a combinación de prestacións e responsabilidades que estime máis acaidas a súa estratexia política e que corresponde ao goberno autonómico garantir que isto se produza baixo criterios equitativos, xustos e democráticos. A tal efecto propoñemos a adopción das seguintes medidas: en primeiro lugar, vincular as transferencias económicas á verificación de que os concellos teñan realizados uns esforzos para dotarse de recursos propios equiparables aos do seu entorno. En segundo lugar, establecer criterios transparentes de asignación dos fondos e, en terceiro lugar, o Parlamento e o Goberno Galego obrigarán aos concellos beneficiarios a xustificar a oportunidade e rendibilidade social das subvencións outorgadas.


X