Un rural forte e xerador de riqueza
O potencial de desenvolvemento das zonas rurais non será posible sen a prestación de determinados servizos de soporte indispensables. A investigación, formación e asesoramentos públicos son imprescindibles para o desenvolvemento dos sectores agrario e forestal, para o cambio de modelo produtivo das explotacións gandeiras cara a un modelo de menor dependencia das axudas públicas, e para a incorporación exitosa de mozos e mozas á actividade agroforestal. Servizos que ao longo dos últimos anos se foron precarizando ou restrinxido, sendo preciso recuperalos coas seguintes medidas:
Para desenvolver a nova política no mundo rural galego será necesario, no curto prazo, modificar o Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. Ademais, a Xunta de Galicia debe demandar cambios nas políticas agrarias a nivel europeo e internacional. Para iso En Marea levará a cabo as seguintes medidas:
Como soporte para as novas políticas, a Xunta de Galicia reorientará as medidas financiadas polo Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, coas seguintes directrices básicas:
Centrar as medidas nas persoas como motores do cambio, poñendo o acento en estimular, apoiar e facilitar as novas iniciativas. Superar a cultura da subvención (focalizada nos investimentos en capital fixo), instaurando a do acompañamento e a cooperación.
Reorientar fondos asignados no actual Programa a infraestruturas de baixo valor engadido cara medidas que estimulen e capaciten aos emprendedores e dinamizadores rurais e contribúan á sustentabilidade social, económica e ambiental do mundo rural. Con ese obxectivo, nos primeiros 100 días do novo Goberno poñerase en marcha un proceso participativo, coa implicación de todos os actores relevantes do noso mundo rural, para a modificación do PDR 2014-2020; de tal modo que, seguindo o procedemento previsto pola normativa europea, se conte cun novo PDR aprobado para a súa aplicación en 2017.
Dada a importancia que para a agricultura e o mundo rural galego teñen as políticas adoptadas na Unión Europea, En Marea levará a cabo unha actuación decidida co fin de lograr a participación directa do Goberno galego en todas as negociacións nas institucións comunitarias que afecten ao noso agro.
Unha PAC que contribúa a corrixir os desequilibrios sociais e territoriais na agricultura europea, favoreza as pequenas e medianas explotacións e priorice a calidade dos alimentos, a protección do medio ambiente e as funcións territoriais da actividade agraria. Unha PAC que recupere mecanismos públicos de regulación e estabilización dos mercados e asegure relacións equilibradas entre produtores/as, industrias e cadeas de distribución.
Unha PAC na que o apoio á renda dos/as produtores/as avance na liña de establecer unha axuda única por unidade de traballo en toda a UE, modulada en función de criterios sociais, ambientais e territoriais.
En Marea defenderá, desde todas as instancias nas que participe o Goberno galego, o cese do proceso de liberalización do comercio mundial de alimentos impulsado desde a Organización Mundial do Comercio (OMC), e a configuración dun sistema alternativo de relacións comerciais que responda ás necesidades da poboación dos diversos países, en sintonía co principio de soberanía alimentaria.
En aplicación do anterior, En Marea oporase desde o Goberno galego á aprobación do TTIP (Parcería Transatlántica para o Comercio e os Investimentos), por supor un novo atentado contra a seguridade e a soberanía alimentar do pobo galego.
Durante as últimas décadas actividades como a gandería de vacún de leite, o vacún de carne, a horta, a viticultura e moitos outros subsectores téñense convertido nos principais vectores de actividade nas zonas rurais de Galicia, contribuíndo a soster as rendas e o emprego. Estas actividades, sen embargo, están a afrontar notables retos que requiren dunha acción de apoio e orientación por parte da administración pública.
Ao mesmo tempo, o desenvolvemento do mundo rural galego require da apertura de novas oportunidades, da diversificación, tanto cara novos produtos como cara outras formas de produción. Así mesmo, a capacidade do agro galego para competir nun mercado cada vez máis liberalizado e globalizado debe basearse principalmente en produtos de calidade, con personalidade propia e diferenciados, e con garantía de salubridade.
Con este fin reforzaranse as medidas de apoio ás Indicacións Xeográficas Protexidas, Denominacións de Orixe e outras marcas de calidade diferenciada que se podan promover. Ademais incluirase esa liña de fondo nas axudas a investimentos en industrias agroalimentarias.
A Xunta de Galicia apostará polos sistemas de gandería de carne extensiva, con especial atención a aqueles desenvolvidos a partir das razas autóctonas, e polo silvopastoralismo.
Elaboración dun plan de desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica que visibilice a dirección que debe tomar a produción agraria e desenvolva de forma inmediata as enormes capacidades de produción ecolóxica.
Elaboración de Plans Estratéxicos Sectoriais de impulso das principais liñas de especialización. Estes Plans seguirán os vectores de desenvolvemento enunciados anteriormente (mobilización de terras, extensificación, calidade, incorporación de novos activos, incorporación das TIC, formación, diversificación…..)
A Xunta de Galicia apoiará as iniciativas de transformación de materias primas agrarias en produtos con maior valor engadido, executados preferentemente polos propios produtores. Este marco de apoio abranguerá tamén a produción artesanal.
Apoio ás canles curtas de comercialización. A Xunta de Galicia apoiará as iniciativas de desenvolvemento de canles curtas de comercialización, mercados locais e cooperativas de consumo que permitan fortalecer o rural mediante compras de proximidade e produtos de calidade.
A Xunta de Galicia estudará a creación de sistemas de protección para algúns alimentos específicos, a través de marcas de garantía. Entre eles cómpre mencionar o leite de pasto, a carne de montaña e a lamprea do Miño e do Ulla.
O Goberno galego promoverá as modificacións lexislativas necesarias para regular as iniciativas de certificación participativa de produtos de proximidade.
Prohibición dos cultivos transxénicos e tamén do uso de fariñas cárnicas e antibióticos na fabricación de pensos, garantindo un sistema de control eficaz.
Plan de recuperación e investigación sobre variedades autóctonas de sementes, integrando a produtores locais. A Xunta de Galicia traballará para o establecemento dun Banco Galego de Sementes, a partir do xa existente, dotándoo de medios humanos e materiais e promocionando o seu uso entre os agricultores.
Presión ante as instancias comunitarias para que a UE adopte mecanismos que contribúan ao equilibrio do mercado e á recuperación dos prezos ao produtor, corrixindo a liberalización da política láctea europea aplicada na última década. Neste aspecto defenderemos o establecemento na UE de medidas públicas que permitan un control da produción e unha redución da volatilidade dos mercados.
O Goberno galego adoptará unha posición activa na aplicación do “Paquete Lácteo” no Estado Español e a súa concreción en Galicia, para lograr avances reais no equilibrio das relacións entre gandeiros/as, industrias e distribución. Para isto a Xunta de Galicia: reactivará os mecanismos de interlocución e negociación a nivel galego; adoptará unha posición activa na mediación e supervisión dos contratos; e porá en marcha todas as actuacións que contribúan á transparencia, equilibrio e estabilidade da cadea de valor do leite.
O Goberno galego esixirá e velará polo cumprimento estrito da lexislación en materia de control da orixe do leite e de transporte internacional de alimentos, reforzando para isto os mecanismos propios de control e inspección.
Reorientación do modelo produtivo das explotacións cara sistemas sustentables, do punto de vista económico e ambiental, baseados na produción forraxeira das explotacións e na redución da dependencia dos pensos e outros insumos externos.
Acción decidida para facilitar a ampliación da base territorial das explotacións, a través das medidas de impulso da mobilidade da terra.
Reorientación das axudas aos investimentos das explotacións e utilización dos pagos agroambientais para estimular os procesos de desintensificación, o desenvolvemento de sistemas produtivos baseados nos pastos e nas forraxes propias.
O apoio centrarase nos proxectos que elaboren derivados de maior valor engadido e/ou baseados na diferenciación dos produtos e as marcas de calidade (leite e produtos lácteos ecolóxicos, leite procedente de vacas alimentadas en pastos, Denominacións de Orixe e outras marcas de calidade).
Favoreceranse aqueles proxectos industrias que conten cunha participación directa dos/as produtores/as, ben sexa a través de cooperativas ou doutras organizacións. Tamén se apoiará a transformación artesanal, para a valorización directa da súa produción por un segmento das explotacións. O Goberno galego adoptará unha posición activa para favorecer a configuración de proxectos industriais lácteos viables e diversificados, protagonizados na medida do posible por capital galego.
A Xunta de Galicia elaborará un Plan Estratéxico para os sectores cunícola, porcino e avícola. O Plan será resultado da participación dos produtores, das súas asociacións, dos sindicatos, dos técnicos da administración de dos investigadores dos OPIs.
A Xunta de Galicia tomará as medidas necesarias para impulsar os modelos artesanais, familiares e autónomos. A Xunta apostará pola produción avícola artesanal, como recolle o Decreto de 2011, e desenvolverá as normas necesarias para estender eses modelo aos subsectores cunícola e porcino, contemplando os seguintes principios reitores: uso da base territorial (todas as producións deberán observar a cria de animáis en libertade e no seu medio natural); regulación da carga gandeira máxima en cada sistema produtivo; regulación da alimentación, con base nas producións da propia explotación, incluídos cereais.
Será prioritaria nesta lexislatura a posta en marcha de proxectos de produción de coello, porcino e ave ecolóxicos.
Apoio para a posta en marcha de “gandería artesanal”. Neste subsector, e noutros de importancia estratéxica, a Xunta debe financiar proxectos de matadoiros de proximidade ou matadoiro móbiles, crear un marco legal axeitado para ter salas de despece caseiras ou infraestruturas nas propias explotacións que permitan aos produtores e produtoras comercializar directamente estes tipos de carne.
Para o caso das razas autóctonas do porco e da avicultura, a Xunta de Galicia desenvolverá accións específicas para a ampliación das iniciativas produtivas que se desenvolven con porco celta, galiña piñeira e galiña de Mos.