Turismo de calidade
A actividade turística constitúe unha importante vía de desenvolvemento e xeración de emprego e rendas para Galicia, que debe ter o seu reflexo unha nunha estrutura institucional axeitada. En particular, consideramos que a Axencia de Turismo de Galicia debe volver a ser un referente no estado, como o foi no seu momento Turgalicia, dotado de maior axilidade e capacidade de resposta aos retos do sector. A tal efecto consideramos que deben ser adoptadas as seguintes medidas:
Para a toma eficaz de decisións. Asegurar a dispoñibilidade de información necesaria para a adopción das políticas turísticas máis eficaces. A tal efecto resulta imprescindible potenciar a área de estudos e investigacións da axencia, desmantelada ao longo das dúas últimas lexislaturas, atendendo tanto as necesidades globais do conxunto de Galicia, como desenvolvendo liñas de colaboración cos diferentes xeodestinos, a fin de adecuar á información aos produtos e mercados de cada un deles.
Resulta necesario abordar a revisión da carteira de produtos turísticos de Galicia para establecer as directrices necesarias que permitan o desenvolvemento eficiente dos mesmos e a súa competitividade no marco internacional. Concretamente resulta necesario Traballar cara a un turismo de calidade a través do reforzo da comunicación a nivel nacional e internacional e da estruturación de produtos turísticos baseados nos excelentes recursos de Galicia (turismo cultural, de reunións, de natureza e rural, de balnearios, enolóxico, gastronómico, relixioso, Camiño de Santiago, deportivo,de eventos, etc. e continuar traballando con produtos para nichos de mercado concretos e rendibles como a observación de aves, xardíns, idiomático, turismo mariñeiro, etc)
Así mesmo, é preciso establecer un primeiro chanzo da promoción dos destinos de interior mediante a súa promoción e incentivación no mercado interno. Facilitar que os galegos/as coñezan e gozen de Galicia mediante short breaks.
Ao longo do Atlántico, de Portugal a Noruega, existen elementos de un relato común, dunha cultura compartida, elementos de recoñecemento que facilitan a aproximación ás distintas culturas que forman está área. Sen embargo, existe unha aínda escasa atención as demandas dos turistas desta área que debe ser especificamente corrixida.
Reforzar os mecanismos de diálogo e cooperación público-privados para acada un desenvolvemento coherente e acompasado do desenvolvemento turístico, tanto a nivel destino, como mediante o Consello Galego de Turismo, como a través de iniciativas público-privadas específicas.
Crearemos unha oficina de xestión integral do Camiño, a comezar polo Camiño Francés, ao efecto de exercer tarefas de coordinación entre os diferentes órganos da administración competentes, favorecer o diálogo público-privado, incorporar coñecemento experto, e executar a supervisión ou coordinación de actuacións conxuntas. Revisaremos toda a lexislación galega aprobada en relación ao Camiño de Santiago. Elaboraremos Plans de xestión, de protección e promoción dos camiños. Melloraremos os núcleos no Camiño. Sendo os núcleos de poboación un dos criterios da autenticidade nos que se basea a declaración do Camiño como Patrimonio Mundial, enténdese positiva a súa recuperación que é apoiada amplamente polos xestores públicos locais. Crearemos un observatorio dos camiños no marco da áreas de estudos da Axencia Turística de Galicia a fin de dispor de dados fidedignos de oferta, demanda, percepción da poboación local, impacto económico, etc. Recoñeceremos a aquelas empresas ou colectivos que, a través da súa labor ou servizos, contribúan a poñer en valor ou conservar a cultura ou os valores do Camiño.