Estás aquí: Inicio » Programa » A economía ao servizo da xente » O emprego como prioridade

O emprego como prioridade

Con cifras como unha taxa de paro do 17,7% e preto de 135.000 persoas desempregadas de longa duración, as políticas de emprego deben ser unha das prioridades do Goberno da Xunta de Galicia. É necesaria vontade política para desenvolver estratexias que melloren a empregabilidade sen deixar a ninguén atrás. Precisamos un novo modelo económico que poña as persoas no centro, e precisamos con urxencia ferramentas útiles que faciliten, desde a formación e o acompañamento, o acceso dos e das galegas a un posto de traballo digno, que lle permita vivir con autonomía, calquera que sexa a súa situación de partida.

17. Diálogo e concertación

Potenciaremos os organismos de diálogo e concertación que xa existen, como son o Consello Económico e Social (CES) e o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), dándolles o recoñecemento e os medios para cumprir cos seus obxectivos de acadar acordos en aspectos moi relevantes en materia laboral.

O marco de concertación debe asentar a elaboración dun pacto polo desenvolvemento de Galicia, acordado cos principais axentes económicos do territorio, que garanta a implantación real e coordenada das políticas de emprego e apoio ás actividades económicas executadas ou financiadas pola Xunta de Galicia.

Así mesmo cómpre impulsar entre os axentes sociais ––e aplicalo tamén no seu eido de responsabilidade–– un acordo pola racionalización do horario de traballo que permita conciliar a vida laboral e persoal.

28. Reformulación dos sistemas públicos de atención e apoio ás persoas desempregadas

Cómpre reformular os sistemas de atención e apoio ás persoas desempregadas para garantir unha atención coordinada por parte dos axentes do territorio no que as persoas, e os seus talentos e capacidades, sexan o centro do modelo. Para iso, aportamos por:

  • Darlle o necesario pulo ao Servizo Galego de Emprego publico, dotándoo con recursos suficientes, tanto orzamentarios como de persoal, para que bascule a súa actuación de subvencionador pasivo cara a orientación, a formación e a intermediación dos desempregados, sendo os itinerarios de inserción personalizados a ferramenta clave da súa actuación.
  • Territorializar as políticas de emprego, isto é, definir as políticas activas sobre unha base territorial comarcal, que teña en conta a realidade económica e laboral das diferentes áreas xeográficas do país, e que vinculen tanto a administración local coma os axentes sociais de cada un deles.
  • Redefinición dos protocolos de atención á persoas desempregadas nas oficinas do Servizo Galego de Colocación e organismos colaboradores para garantir unha atención unificada e sen derivacións innecesarias para as persoas.
  • Reactivación e mellora da rede de Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local de Galicia así como da rede de Orientadores/as laborais.
  • Creación dun mapa único e claro para as persoas usuarias de recursos para o emprego, máis aberto, transparente e fácil de empregar. Redefinición dos programas de formación para o emprego, para incorporar a demanda e necesidades do mundo empresarial nos mesmos, pero prestando especial atención ás PEMES, ILES, así como ás empresas innovadoras e baseadas na economía social, na definición dos seus obxectivos.
  • Redefinición do programa de Obradoiros de Emprego garantindo períodos de contratación suficientes para a formación das persoas alumnas-traballadoras dos mesmos.
  • Redefinición dos programas de cooperación garantindo períodos de contratación suficientes para a formación en prácticas das persoas participantes.
  • Modificar radicalmente os incentivos á contratación con recursos públicos, que se teñen demostrado ineficaces, inxustos e desvalidadores, concentrando os fondos en colectivos moi específicos,ou ben dirixindo estes fondos a outras políticas activas.
39. Mercado laboral máis xusto e inclusivo

Compromiso de axudar á contratación das persoas en risco de exclusión social, empregándoas directamente en programas específicos polas administracións públicas en traballos socialmente necesarios, e tamén chegando a acordos con empresas que presten servizos ao sector público.

Acabar coa discriminación laboral das mulleres, con iniciativas contra a fenda salarial, impulsando a realización de plans de igualdade nas empresas.

Artellar as medidas necesarias para facer efectiva a lei que favorece o acceso ao emprego das persoas con diversidade funcional.

Crear un programa dotado orzamentariamente para facilitar o retorno das persoas novas que se viron forzadas a emigrar do noso pais por falla de traballo.

410. Derrogar as dúas últimas reformas laborais.
Posicionarse a favor da derrogación das dúas últimas reformas laborais, defendendo un modelo de relacións laborais xusto e equilibrado, onde o traballo estable e con dereitos sexa a forma habitual de traballar, con salarios suficientes para rematar coa pobreza laboral e un reparto equilibrado da renda que combata a desigualdade.
511. Intelixencia colectiva para o emprego.
Nunca emprendemos sós. Baixo esta máxima queremos re-introducir os valores da economía colaborativa e social en todos os programas de apoio ao emprego, ao emprendemento e á mellora empresarial como elementos claves da construción dunha economía máis competitiva. Nese senso, promoveremos a creación de grupos de busca de emprego e emprendemento colaborativos que substitúan os programas de formación para o autoemprego. Estes grupos funcionarían de maneira estable e aberta baixo a titorización de persoal experto na xestión de proxectos empresariais cooperativos e colaborativos.
612. Co comercio de proximidade, mellor.

Os valores da economía de proximidade constitúen un eixe fundamental de vertebración do eido local e, en particular, do pequeno comercio de cidades e vilas, cuxa promoción abre portas para o emprendemento e beneficia, á vez, ao conxunto da comunidade. Nese senso, apostamos por:

  • Empoderar o comercio de proximidade a través de programas de promoción da vida a pé tanto en barrios como en vilas. O pequeno comercio non só é un espazo de compra venta, é un núcleo de encontro e cohesión social, polo que debe estar ligado, ademais, á realización de actividades culturais abertas ao público, educativas e de formación e carácter solidario. É preciso dinamizar os espazos comerciais de proximidade.
  • É preciso vincular o pequeno comercio e as políticas de emprendemento e apoio a PEMES coas de xestión do territorio, creando programas de formación que aborden non só como elaborar un plan de empresa, senón tamén como xestionar o custe dos alugueiros e as estratexias de promoción dos microterritorios.
  • Creación de espazos de creación empresarial, tanto urbanos como rurais, nos que se faga unha posta en valor a experiencia empresarial galega Promocionar as políticas de relevo xeracional ligadas ao comercio de proximidade, de cara a que este se transforme nun creador de emprego, tanto no urbano, como no rural, onde favorecerá a fixación no territorio.
713. Posta en marcha dun plan de emprego público no mundo rural.
O aproveitamento do potencial de desenvolvemento das zonas rurais non será posible sen a prestación de determinados servizos de soporte indispensables. A investigación, formación e asesoramentos públicos son imprescindibles para o desenvolvemento de sectores agrarios e forestais, para o cambio de modelos produtivos das explotacións gandeiras cara a un modelo de menor dependencia subvencional, e para a incorporación exitosa de mozos e mozas á actividade agroforestal. E definitiva, cómpre recuperar servizos que ao longo dos últimos anos se foron precarizando ou restrinxido. Nese sentido En Marea propón a elaboración dun plan de emprego público no rural que considere medidas como o reforzo de persoal das oficinas agrarias comarcais e dos distritos forestais, alén dos centros de investigación e formación agraria. O incremento das oportunidades de desenvolvemento no rural require do compromiso firme da Xunta de Galicia, e unha parte dese compromiso significará dotar de servizos de proximidade local e/ou comarcal para o empoderamento das iniciativas innovadoras.

X