Estás aquí: Inicio » Programa » A economía ao servizo da xente » Novos modelos: máis solidarios e máis fortes

Novos modelos: máis solidarios e máis fortes

A economía debe estar ao servizo das persoas, nunca ao revés. Cremos nun modelo económico responsable que aposta pola cooperación, por iso priorizamos as iniciativas laborais de corte social e cooperativo e os espazos de traballos conxunto, sen esquecérmonos de que o crecemento económico non pode vir a costa do benestar social ou do medio ambiente. Para evitalo, introduciremos criterios éticos, ambientais, sociais e de igualdade en todos os ámbitos, comezando pola propia contratación pública.

117. Recoñecer o cooperativismo como axente social, con presenza no diálogo institucional

É imprescindible recoñecer á Economía Social, e dentro dela ao cooperativismo, como un axente social e económico, que actúa con personalidade propia, achegando riqueza, emprego estable e cohesión social.
 Cooperativismo e Economía Social, dentro dese proceso de recoñecemento, deben estar presentes nos foros de diálogo institucional, así como nos de decisión económica, e nas políticas de formación.

218. Apoiar de maneira directa os modelos cooperativos e de economía social
Cómpre apoiar orzamentariamente os proxectos baseados no cooperativismo e a economía social a través de axudas á creación, a inversión e ao financiamento, así como estabelecer subvencións ao financiamento de procesos de asesoramento e acompañamento para a posta en marcha e consolidación de empresas cooperativas, colaborando coas entidades do sector especializadas nestes procesos.
319.Promover o cooperativismo e a economía social dende a propia Administración
Debemos dar exemplo dende a propia Administración, abrindo os concursos públicos as entidades financeiras éticas, e fomentando ás empresas provedoras de enerxía renovables, así como aos produtos e servizos de proximidade. Colaboraremos na posta en marcha de espazos que visibilicen o cooperativismo e nos comprometeremos, realmente e de forma efectiva, coa Estratexia de Impulso das Cooperativas 2016-2020, facendo un seguimento da mesma.
420. Contratación pública responsable para unha economía máis xusta.
Os criterios sociais, ambientais e éticos deben rexer a execución dos Orzamentos públicos do Goberno galego no que atinxe á adquisición e consumo de bens e servizos. Cremos nunha compra pública responsable, que respecte as convencións internacionais e os estándares das condicións laborais e que, como ocorre co comercio xusto, sexa quen de desenvolver modelos de consumo máis respectuosos e igualitarios. Unha compra pública responsable trae aparellada o apoio ás empresas de economía social,e favorece que as empresas concesionarias teñan en conta criterios ambientais. Con ese obxectivo, modificaremos os contratos de adquisición de enerxía eléctrica para que a administración galega pase a ser demandante de enerxía procedente de fontes renovables, así como incorporaremos a perspectiva ambiental en todos os pregos de contratación pública. Do mesmo xeito, avogamos por introducir criterios de proximidade e calidade ecolóxica no subministro dos produtos alimenticios que abastecen a entidades dependentes da Xunta, tanto no ámbito educativo como no sanitario.

X