Estás aquí: Inicio » Programa » A economía ao servizo da xente » Nova política forestal galega.

Nova política forestal galega.

A política forestal desenvolvida en Galicia durante a democracia é unha herdanza dos plans do franquismo. O seu discurso, simplemente produtivista, tense amosado en termos xerais moi negativo tanto ambiental como social e economicamente. Fundamentalmente non contempla máis variables que o beneficio do curto prazo de determinados sectores con pouco valor engadido e que son dependentes de materias primas de baixa calidade e a baixo prezo.

A nova política forestal debe deixar de ser so forestal para ser unha política do monte. O goberno galego debe contemplar as múltiples funcións que cumpre o monte e apostar, de xeito equilibrado, por aproveitamentos multifuncionais que garantan o equilibrio ambiental e económico. A consideración de ben común debe guiar as novas políticas e, en particular a forestal, considerando variables como a conservación da paisaxe, a biodiversidade, os ciclos bioxeoquímicos e o da auga e a preservación do chan. Debe ter como obxectivo, ademais, a redistribución da riqueza; igualmente debe considerar variables delicadas como é o cambio climático e mesmo considerar a seguridade alimentar, que diminúe coa redución do espazo cultivable. A sustentabilidade global do sistema debe ser obxectivo principal en todo momento: as perdas e prexuízos non poden ser externalizados nin supor un gasto público desmedido e sen solución de continuidade.

170. Cumprimento estrito da lexislación vixente

Destinando medios para o seu control, en relación á forestación de terras agrarias, e modificacións lexislativas que garantan o cumprimento do obxectivo de manter as terras de aptitude agraria ou con valores ambientais afastadas do cultivo forestal.

271. Mesas de traballo e negociación

Urxentemente organizaremos estas mesas nas que participarán os Distritos Forestais e as organizacións sindicais representativas dos traballadores do SPDCIF e as súas asociacións profesionais para abordar todos aqueles temas urxentes que afecten á estrutura, funcionamento e organización do dispositivo de prevención e control de incendios. Nesas mesas de traballo terán un papel relevante os Distritos Forestais, o ámbito administrativo máis achegada á realidade do monte no noso País. O principal obxectivo destas mesas de traballo e negociación é corrixir as deficiencias “técnicas” que se observan no dispositivo de loita contra o lume, para facelo moito máis efectivo no curto prazo.

372. O PLADIGA de 2017 incluirá os resultados desas mesas de traballo e negociación

Toda información sobre os incendios forestais en Galicia en 2016 (información detallada de cada un dos incendios , número de incendiarios detidos e condenados, situación forestal dos bosques queimados…), unha exposición detallada e comprensible das partidas orzamentarias destinadas a prevención e extinción e o seu custe anual, contratos e convenios firmados pola administración, e toda a información relevante para que prime a absoluta transparencia na xestión pública dos incendios.

473. Dispositivo único e público de loita contra os incendios

Apostaremos por este procedendo a través dun único servizo público (o SPDCIF). Deste xeito, iranse eliminando todas as contratacións de persoal alleas a este servizo público. Así mesmo, de forma progresiva, a Xunta de Galicia iniciará a posta en marcha de Ofertas Públicas de Emprego que rematen coa precariedade laboral que sofre unha parte dos traballadores do SPDCIF.

574. A prevención debe converterse no eixe central da actuación pública

Para iso, os Distritos Forestais porán toda a atención no cumprimento das faixas e perímetros de seguridade no seu territorio de influencia así como nas tarefas de control de biomasa nos montes xestionados pola administración. A Xunta de Galicia realizará as modificacións lexislativas necesarias para garantir o cumprimento deses obxectivos e activará todos os protocolos para que os titulares das infraestruturas de transporte (terrestre, ferroviario, eléctrico…) tamén os cumpran. Converter a prevención no eixe central da actuación pública requirirá a redefinición das funcións que cumpren os traballadores do servizo polo que a distribución dos tempo de traballo deberá facer fincapé nas funcións de prevención e traballos forestais.

675. Bombeiros forestais

Recoñeceremos a categoría de bombeiro forestal aos profesionais da prevención e loita contra os incendios forestais. Para iso debe existir un proceso formativo anual posto en marcha tanto desde a Escola Galega de Administración Pública como da Academia Galega de Seguridade Pública. Contemplarase incluso a formación ao nivel internacional, no sentido de realizar prácticas no estranxeiro de algúns técnicos e tamén incluír aprendizaxe local de sistemas internacionais de extinción forestal.

776. Instauración do Día do Monte

Anualmente, a Xunta de Galicia realizará un acto público de recoñecemento dos labores de prevención e ordenación dos montes. Inserido dentro da Estratexia Galega de Educación Ambiental, a Xunta de Galicia recoñecerá o traballo individual ou colectivo realizado polos xestores do monte (propietarios privados individuais ou colectivos), organismos de investigación, traballadores ou servizos autonómicos, etc., para recoñecer e divulgar o labor de conservación e posta en valor do monte.

877. Colaboración entre e con propietarios privados

Mediante a creación de figuras de colaboración e/ou promoción das figuras xa existentes para a posta en marcha de estratexias de colaboración entre propietarios privados: SOFOR, Cooperativas de Explotación Comunitaria da Terra, Asociacións de Propietarios ou calquera outra forma de colaboración das contempladas na lexislación ou creación ou rescate de outras figuras (UXFOR). A Xunta de Galicia non debe centrar a atención nunha única figura: débese prestar apoio a todas as figuras de actuación conxunta que se desenvolvan.

978. Contrato voluntario coa propiedade

Alí onde a iniciativa privada non xestione o monte, a Xunta de Galicia debe actuar mediante o ofrecemento dun contrato voluntario coa propiedade, entendido como un instrumento financeiro a longo prazo para o fomento silvicultura, dos aproveitamento silvopastorís ou dos aproveitamentos diversificados do monte, sempre compatibles coa conservación da natureza. A Xunta de Galicia débese converter no principal axente de innovación e transformación da xestión do monte. Na actualidade xestiona máis do 15% da superficie forestal de Galicia. A intervención pública na xestión forestal, lonxe de verse como algo residual ou anacrónico, debe ser considerado un instrumento eficaz para o desenvolvemento económico de áreas rurais e a vertebración de amplas zonas de Galicia. Esta intervención pública debe ir máis alá das funcións de vixilancia e inspección. En todo caso, e en relación aos montes privados colectivos, a Xunta debe favorecer a xestión directa pola comunidade de todos aqueles MVMC que contan cunha comunidade constituída e con certa base demográfica.

1079. Desenvolvemento e mellora do coñecemento e información do sector.

De xeito urxente, a Xunta de Galicia debe promover, mediante o mellor aproveitamento dos recursos existentes, un servizo específico de estatística forestal que en cooperación co IGE, universidades e centros de investigación, e co sector privado, etc, permitise mellorar a información dispoñible e transmitila de xeito eficaz. Sen unha información completa e fiable do monte e do sector económico-industrial será máis difícil o desenvolvemento e revisión das estratexias e políticas forestais

1180. Modelo de Consenso.

Onde participen TODOS os axentes sociais, políticos e empresariais. Débese avanzar mediante un acordo nacional cos sectores implicados: propietarios, produtores, comercializadores, madeiristas, industrias, movementos sociais, grupos políticos e sindicais... para racionalizar e ordenar o monte cunha ampla perspectiva temporal. Considérase que debemos reverter a tendencia do gasto público, destinando progresivamente máis diñeiro á prevención e progresivamente menos a extinción.

1281. Cambios na estrutura da Administración Forestal.

Traballaremos para establecer unha clara separación entre a xestión dos distintos programas de control dos lumes forestais e os programas de xestión e ordenación forestal. Esta separación non excluirá a necesaria coordinación entre os dous ámbitos. Neste sentido, os Distritos Forestais deben ser reforzados como unidade fundamental da administración forestal, da xestión publica de montes e de interacción cos propietarios e comunidades de montes da súa área de actuación. Por outra parte, a coordinación entre distintos departamentos da Administración Autonómica debe permitir a simplificación dos trámites para obter os permisos e autorizacións das actividades a desenvolver no monte.

1382. Axencia Galega de Montes Veciñais

Entendemos que os Montes Veciñais en Man Común son un axente fundamental para a nova política do monte. Por iso crearase a Axencia Galega de Montes Veciñais (AXEGAMONVE), cuxa función será a de promover e asesorar a acción das comunidades de montes, máis alá dun servizo de montes que desenvolva funcións administrativas. Os montes de veciños deben ser en grande parte das comarcas galegas o motor da nova política para o monte: deben ser tratados como un espazo de innovación agroecolóxica e social. Os montes veciñais en man común (MVMC) representan tamén unha oportunidade única para o desenvolvemento rural e para o exercicio da democracia participativa e desde abaixo. Son latifundios democráticos e un claro exemplo de outras institucionalidades das que beber á hora de repensar a Administración pública. Por iso, debemos potencialos como modelo de éxito na xestión do común. A Axencia Galega de Montes Veciñais (AXEGAMONVE) servirá para garantir que as Comunidades de Montes se podan autoxestionar, habilitará un servizo de consultoría legal, de xestión, de apoio a comunidades "envellecidas" e de axuda a comunidades novas; tamén fomentará o seu empoderamento mediante campañas de visibilidade e unidades pedagóxicas para dar a coñecer os MVMC nos centros educativos e ante a sociedade. A Administración mediará para que as comunidades que reclaman o seu monte expropiado podan recuperalo e impulsará un sistema mediante o cal partillar coñecemento (lexislativo, de xestión, agrogandeiro…) entre elas. Estudarase o marco xurídico que as rexe para avanzar na reformulación da Lei de MVMC e traballarase para que se lles aplique unha fiscalidade específica. Como consecuencia das medidas anteriores e dos consensos que se alcancen, todo elo inserido en estratexias máis amplas, como é a que se derive da Lei Galega de Mitigación e Adaptación ao Cambio Climático, a Xunta de Galicia modificará a Lei de Montes de Galicia.

1483. Acordo nacional e nova Lei de Montes

O resultado final deste Acordo nacional de consenso para os vindeiros 60 anos sobre o novo modelo de aproveitamento do monte en Galicia, plasmarase nunha nova Lei de Montes de Galicia. Como principios básicos e marco para alcanzar ese acordo nacional de consenso para os vindeiros 60 anos sobre o novo modelo de aproveitamento do monte en Galicia, desde En Marea defendemos a reordenación dos aproveitamentos do territorio, o recoñecemento e protección das funcións ecosistémicas do e das súas funcións sociais, corresponsabilidade de todos os axentes no que se refire ao desenvolvemento do modelo de aproveitamento, fortes doses de innovacións social, profesionalización das tarefas silvícolas e emprego da mellor ciencia dispoñible.

1584. Educación Ambiental

Este novo modelo debe chegar tamén ao ámbito educativo e social, e débese fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio ambiente en xeral, e do monte en particular. O SPDCIF deberá xogar un papel importante nesta estratexia educativa.

1685. Fomento da Investigación, desenvolvemento e transferencia ao sector

Se ben é necesario e urxente diversificar os aproveitamentos do monte, a Xunta de Galicia non debe perder de vista que a produción de madeira é na actualidade unha compoñente central do Valor Engadido que produce o monte. Así, debe ser un obxectivo prioritario establecer liñas específicas de apoio á innovación na xestión forestal e na industria da madeira dentro da estratexia galega de I+D+i: investigación para mellorar a xestión sustentable do monte, análises de mercado e situación socioeconómica para o desenvolvemento do sector forestal, o maior coñecemento sobre a dinámica dos ecosistemas forestais e a interacción coas prácticas silvícolas, desenvolvemento de modelos de predición que aseguren unha optimización dos recursos na procura da multifuncionalidade, desenvolvemento de modelos que compatibilicen produción de madeira con aproveitamentos gandeiros, investigacións en novos produtos forestais (biomateriais innovadores, biocombustibles a partir de residuos forestais, obtención de compost a partir deses residuos) etc. A Xunta de Galicia, ademais, ten que exercer o papel de axente de transferencia de coñecemento entre os centros de investigacións e os xestores dos recursos do monte.


X