Estás aquí: Inicio » Programa » A economía ao servizo da xente » Medidas tributarias ao servizo do común

Medidas tributarias ao servizo do común

Galicia pode e ten que explorar unha ampla reforma fiscal que garanta soster un sistema fiscal novo pensado para dar servizos e dereitos a maioría social agredida. Nun momento en que a política de gastos das administracións convírtese na excusa dos recortes sociais En Marea pula por un sistema tributario que permita ampliar e mesmo crear dereitos e servizos para todos e todas.

11. Imposto sobre o patrimonio.
En Galicia ten o domicilio fiscal a maior fortuna do planeta, pero nos Orzamentos da Xunta para este ano só se prevé o ingreso de 58,7 millóns de euros polo total de recadación do Imposto de Patrimonio en Galicia. Un imposto que ampara a exención e os beneficios fiscais para os grandes patrimonios, que operan a través de sociedades patrimoniais familiares, sicavs, en moitos casos radicadas en paraísos fiscais. Con independencia da esixencia ao Estado de reforma da normativa básica do Imposto de Patrimonio, desde a Xunta reduciremos o mínimo exento (dos actuais 700.000 a 500.000 €) e incrementaremos o tipo impositivo para os grandes patrimonios (base liquidable igual ou superior a 3 millóns de euros).
22. IRPF
Reaxustaremos a tarifa e os tipos impositivos e as deducións autonómicas, para que pague máis quen máis teña e gocen de maiores beneficios fiscais as persoas declarantes con menos recursos e que máis o precisen. A tales efectos, e ademais do reaxuste de tramos e axuste de tipos para as rendas máis baixas, incrementaremos o tipo impositivo para as bases liquidables superiores a 50.000 euros.
33. Impostos medioambientais
A pesar do impacto en forma de dano ambiental, territorial e paisaxístico, a recadación prevista para os tributos propios autonómicos é ridícula, dada a sua normativa favorable aos intereses das grandes empresas enerxéticas e mineiras. O imposto sobre a contaminación atmosférica, nun país coas térmicas de As Pontes e Meirama, só recadou no 2015 un total 4,5 millóns de euros. O imposto sobre o dano ambiental da auga encorada en Galicia, un país de encoros, só recadou 14 millóns. E nun país mineiro e extractivo, ateigado de explotacións mineiras e canteiras, o imposto compensatorio ambiental mineiro só achega, segundo a previsión dos Orzamentos de 2016, un total de 1,1 millón de euros. A modificación normativa destes impostos, incluíndo a revisión á alza dos tipos impositivos, será dos primeiros proxectos remitidos ao Parlamento para que poidan entrar en vigor xa no 2017
44. Canon de Sogama
Xunto á revisión do plan de viabilidade e económico-financeiro da sociedade, procederemos a reducir o canon de tratamento a pagar polos concellos. Porque Sogama debe estar ao servizo do interese público, e non de Gas Natural. E porque tanto o refinanciamento da débeda como a errónea e ilegal decisión do goberno de Feijóo do 2011, de clasificación da planta, anulada polos tribunais, non deben repercutir na cidadanía.
55. Introdución de cláusulas sociais na contratación pública.
A Xunta e o conxunto do sector público autonómico licitan e adxudican cada ano un elevado volume de contratos, con evidente impacto e transcendencia económica. En Marea quere incluír na contratación pública condicións e criterios que favorezan medidas sociais como a igualdade de xénero, a aposta por un emprego digno e de calidade, o respecto medioambiental e o comercio xusto. E facelo tanto a respecto das condicións e garantías de execución dos contratos como nos propios criterios de valoración e adxudicación. Algo que permite a normativa de contratación vixente, tanto a estatal como a comunitaria, e que non se desenvolveu ata o momento. Aprobaremos de inmediato un decreto regulando as normas de clausulado social na contratación pública, de aplicación tanto na Xunta como nas sociedades, entes e organismos dela dependentes.
66. Unidades específicas de xestión e inspección de grandes empresas e grandes patrimonios.
A inspección fiscal e a loita contra a fraude fiscal deben priorizarse para os grandes patrimonios e grandes empresas. A creación e reforzo na Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) de unidades específicas de xestión e inspección dos grandes patrimonios e grandes empresas, o reforzamento da coordinación informativa e das bases de datos coa AEAT e unha maior dotación de medios materiais e humanos na Atriga serán medidas inmediatas do goberno de En Marea.

X