Estás aquí: Inicio » Programa » A economía ao servizo da xente » Igualdade na Economía: os Coidados e as Políticas da vida cotiá

Igualdade na Economía: os Coidados e as Políticas da vida cotiá

Desde En Marea queremos impulsar a onda das novas formas de comprensión da economía e da vida, tendo en conta a igualdade no artellamento da xustiza social, a xustiza redistributiva e a xustiza de xénero. A transformación do modelo económico precisa dunha nova organización sociopolítica que propicie a sustentabilidade da vida, na consideración dos coidados como unha necesidade social para facer efectivo o principio de equivalencia humana. Con este obxectivo, propomos unha serie de medidas, tales como:

121. Rede de servizo público de coidados.
Realizaremos un xiro para incluír as actividades do ámbito familiar e comunitario dentro da nova Estratexia galega de socialización dos coidados, ordenando e dignificando as condicións deste novo sector de emprego, con criterios de calidade e condicións de traballo digno nos servizos de coidados. Crearemos unha Rede de servizos públicos de coidados’ que atenderá ás necesidades das persoas nas diferentes etapas e situacións do seu ciclo vital, e que recoñecerá formalmente o traballo das persoas neste eido. Incentivaremos a creación e funcionamento de empresas, de economía social ou cooperativas, adicadas aos coidados.
222. Dignificar o valor social e económico do traballo dos coidados
Promoveremos medidas urxentes para dignificar e valorar social e economicamente o traballo dos coidados –bolsas de emprego, condicións dignas e de mediación laboral e familiar--, incentivando tamén a figura dos homes coidadores.
323. Infraestruturas que faciliten a conciliación
Promoveremos activamente a habilitación de equipamentos, infraestruturas e servizos que faciliten a conciliación, co obxectivo de tecer unha rede pública axeitada, suficiente e ben coordinada, nas dotacións para a vida cotiá, tendo en conta as especiais dificultades do ámbito rural e os desequilibrios territoriais.
424. Recoñecemento de todas as familias, e os seus modelos
O 53,3% das familias dunha soa persoa proxenitora están en risco de pobreza no Estado, fronte ao 30,5% das familias biparentais. Dos 110.000 fogares galegos monoparentais, o 84,3% están compostos por unha muller adulta e fillas/os, e deles, o 25% están en situación de risco de pobreza e/ou exclusión social. Os problemas económicos aos que se enfronta este modelo de familias son moi similares aos das familias numerosas, pero son a peza esquecida das políticas fiscais ao non axustarse ao modelo de familia tradicional. Qeremos darlles o mesmo tratamento fiscal a ambos os dous modelos familiares a través da aplicación, entre outras, de deducións fiscais, bonificacións e exencións nas taxas tributarias e no tramo autonómico do IRPF que veñen recollidos na Lei de acompañamento aos Orzamentos Públicos da Xunta de Galicia.
525. Eliminar a penalización da maternidade sobre o emprego das mulleres
Eliminaremos o factor de penalización que a maternidade representa actualmente para as mulleres a través dun programa de corresponsabilidade efectiva nas familias biparentais. Equipararemos os permisos por nacemento --iguais, intransferibles e remunerados ao 100% do salario-- entre traballadores e traballadoras da administración galega, e instaremos ao Executivo estatal a emprender unha reforma lexislativa a para a equiparación plena dos permisos por nacemento, de forma que cada persoa proxenitora teña igual permiso, intransferible e remunerado, ao 100% do salario, independentemente do seu sexo, criterio de convivencia ou diversidade familiar.
626. Reincorporación laboral das nais tras a maternidade
Promoveremos medidas específicas para facilitar a volta ao mercado laboral das mulleres que o queiran facer tras os primeiros meses ou anos de maternidade. A OIT (Organización Internacional do Traballo) constata a existencia de tácticas de presión a embarazadas e nais recentes que merman os seus dereitos como traballadoras; esta práctica incrementouse despois das reformas laborais acometidas polas políticas austericidas do PP.
727. Igualdade salarial entre homes e mulleres
Asumimos o compromiso coa premisa de igual salario por traballo de igual valor, algo que o goberno de Feijóo non cumpre. Queremos acabar coa fenda salarial por cuestións de xénero e incidiremos cos medios e recursos axeitados para remover as causas que a provocan. O feito de que as mulleres galegas cobren, de media, o 23,4% menos de salario que os homes por traballos de equivalente valor, as coloca nunha posición de maior precariedade e vulnerabilidade económica.
828. Rede galega de empresas pola igualdade
A igualdade laboral precisa do compromiso activo das empresas con presenza en Galicia, promovendo o desenvolvemento de plans de igualdade e medidas para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral. Artellaremos unha liña de traballo específica coas empresas que aposten por construír outro modelo de sociedade desde a igualdade.
929. Cooperativismo entre mulleres
No marco da Estratexia de Impulso das Cooperativas 2016-2020, activaremos un programa de promoción do cooperativismo entre mulleres, facilitando a creación de cooperativas dedicadas ao emprego no sector dos coidados interpersoais e das contornas naturais.
1030. Titularidade compartida das explotacións agrarias
Para alcanzar a verdadeira equiparación das mulleres e os homes nas explotacións agrarias promoveremos activamente a aplicación efectiva da Lei 35/2011 sobre titularidade compartida neste tipo de empresas.
1131. Igualdade de xénero na inspección de traballo
Velaremos polo cumprimento da lexislación en materia de igualdade de xénero no traballo, e tamén por afortalar o rol da inspección de traballo neste ámbito.

X