Estás aquí: Inicio » Programa » A economía ao servizo da xente » Facenda galega para redistribuír e reequilibrar

Facenda galega para redistribuír e reequilibrar

É fundamental que os galegos e galegas sexamos os donos dos nosos cartos. Co financiamento autonómico propio reforzaremos o noso autogoberno, unha garantía de futuro para consolidar dereitos e liberdades, servizos públicos básicos e universais como a sanidade ou a educación. Apostaremos pola creación dun Fondo de Compensación Interterritorial que favoreza a aquelas comarcas e lugares con menos servizos e nos que exista unha maior demanda de prestacións sen cubrir pola administración galega.

1107. Financiamento autonómico.

O control dos recursos tributarios xerados nun territorio é clave para promover un modelo de desenvolvemento propio. Galicia non pode renunciar a un novo sistema de financiamento se pretendemos construír un proxecto que proporcione solucións ás necesidades demandadas pola sociedade galega. Coa perspectiva da modificación do sistema de financiamento autonómico desde o goberno galego esixiremos unha maior autonomía financeira e plena capacidade normativa, de xestión, e co-responsabilidade fiscal sobre os impostos que soportan os suxeitos pasivos de Galiza. Este sistema incluirá competencias para regular o financiamento suficiente das entidades locais. Habilitaremos mecanismos de reequilibrio territorial, e unha maior simplificación dos fondos de solidariedade existente, ademais da creación ou incluso a recuperación dunha ferramenta (Fondo de Compensación Interterritorial) que promova unha converxencia real entre as diferentes comunidades autónomas. Deseñaremos, o fío, unha nova fórmula de cálculo das necesidades de gasto para Galicia.


X