Estás aquí: Inicio » Programa » A economía ao servizo da xente » Deter o austericidio. Xirar cara á innovación

Deter o austericidio. Xirar cara á innovación

O modelo neoliberal impulsado polo PP ten procurado unha fuxida cara adiante, buscando na precarización laboral unha vía de escape ante a falta de contratacións. Ademais, estas políticas derivaron en que as empresas apostasen pola redución de custos en detrimento da innovación e a calidade. Galicia encádrase, segundo o Regional Innovation Scoreboard, entre as rexións cunha capacidade innovadora moderada. O balance galego amosa, por unha banda, certas fortalezas en termos de poboación con estudos superiores e exportacións de produtos de media e alta tecnoloxía, aínda que pola outra caracterízase por importantes feblezas na introdución de innovacións, particularmente organizacionais e de márketing, no gasto en innovación e gasto público en I+D. O obxectivo da políticas de En Marea debe ser reverter esta situación, aproveitar as fortalezas, pero corrixir as debilidades. Para iso, apostamos por:

144. Reformas no plano institucional
A medida máis urxente é a posta en marcha do novo Plan Galego de I+D+i 2016-2020, rematando coa interinidade actual, con maior dotación de recursos e en liña coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) da Comisión Europea, cuxo desenvolvemento está en curso, procurando a complementariedade entre ambos. Así mesmo compre acadar unha maior unificación das políticas e instrumentos de I+D+i na Axencia Galega de Innovación, rematando coa actual dispersión entre consellerías.
245. Xestión propia de fondos comunitarios
Ao efecto de dotarse de maior capacidade e eficacia na aplicación dos recursos para a I+D compre, no plano externo, requirir a xestión propia dos fondos FEDER para innovación de Galicia, rematando coa actual situación onde dous terzos dos fondos que lle corresponden ao noso territorio se xestionan en Madrid. No plano interno compre revisar as políticas de innovación impulsadas pola actual administración, en particular no referido á elevada concentración de recursos na UAB initiative (drons ou avións non tripulados).
346. Colaboración para a innovación.

O fomento de estratexias colaborativas debe plasmarse cando menos en tres niveles:

  • Fomento da cultura colaborativa para a innovación entre empresas e entre estas e os demais axentes do sistema de innovación galego. De especial importancia para as PEMES e Miniempresas.
  • Fomento de redes colaborativas con empresas, e centros de investigación externos a Galicia, tanto dentro do contexto europeo, español e galego, como cos países próximos polo idioma común ou pola presenza de galegos, que facilite o establecemento de redes e o aproveitamento de sinerxías.
  • Dinamización de proxectos colaborativos de carácter estratéxico e singular, tendo en conta os potenciais do tecido produtivo galego.
447. Proximidade ao tecido produtivo.
A dinamización do investimento implica unha maior proximidade e traballo conxunto entre as empresas e as fontes de innovación. Nese sentido, cómpre dotarnos de instrumentos de apoio á innovación específicos para cada tipo de usuario (empresa ou institución), e segundo a etapa do proceso innovador (máis afastado/máis próximo ao mercado), así como favorecer a transferencia de coñecemento desde os centros xeradores ao entramado produtivo. Será preciso consolidar e ampliar iniciativas xa existentes, como o Fondo de Proba de Concepto, como explorar outros novos.
548. Visibilización das mulleres na innovación
Reactivación da Unidade de Muller e Ciencia como instrumento de visibilización, e valorización da actividade investigadora e innovadora realizada polas mulleres.
649. O comercio de proximidade, mellor.
As políticas do PP en materia de comercio teñen claramente ás grandes superficies como beneficiarios exclusivos, empobrecendo un sector básico da economía e e do emprego como é o pequeno comercio. Para equilibrar esta dinámica daremos un importante impulso ás economías locais, con especial atención ao comercio de proximidade de cidades, vilas e do rural. Crearemos programas, co-xestionados cos concellos, para facilitar a vida nos barrios e vilas reducindo a necesidade de desprazarse para facer as compras. Valorizaremos a función do pequeno comercio como espazo de encontro, seguridade urbana e socialización. Nesta liña tamén actualizaremos os programas de Comercio Rural Galego. Así mesmo cómpre potenciar aquelas iniciativas motoras dos centros urbanos, como poden ser os centros comerciais abertos ou as prazas de abastos. Neste último caso considerando ademais o seu valor para facilitar a venda de produtos de proximidade.

X