Desenvolver as nosas potencialidades
Afianzar os nosos sectores produtivos require de políticas que melloren a súa eficiencia, desde a responsabilidade e desde o equilibrio. Apostaremos pola innovación, a través dun maior gasto público para dotar á nosa industria e o resto de sectores das capacidades para modernizalos e facelos máis competitivos, aínda que sempre desde a perspectiva do ben común. Galicia necesita xa non revisar, senón recuperar a súa política industrial a fin de apuntalar o desenvolvemento do país. As dúas lexislaturas do goberno Feijóo centráronse na propaganda, apoiada con movementos curtopracistas de escaso alcance e carentes dunha perspectiva de mellora da competitividade da industria galega. Contra esta política, baseada unicamente en anuncios mediáticos, impulsaremos unha mudanza que apoie a harmonización de empresas motrices, auxiliares, centros tecnolóxicos e de investigación conxuntamente coa administración galega.
A necesaria e demandada intermodalidade do transporte esixe o desenvolvemento paralelo de diferentes modelos de mobilidade, a fin de acadar unha mellora loxística que reforce a competitividade da industria. Neste sentido, resulta preciso:
- Esixir a priorización dun transporte de mercancías competitivo tanto cara Portugal, como cara a Meseta e Europa. Medida que en conexión doa rede de cabotaxe permitiría dinamizar os portos secos de Monforte e Salvaterra-As Neves.
- Reforzar a aposta pola autoestrada do mar Vigo-Nantes, así como por outras alternativas de cabotaxe, a partir dos portos exteriores de Coruña e Ferrol (na actualidade infrautilizados a pesar dos seus custes) .
O sector industrial que está sufrindo máis transformacións no país actualmente é o da construción automobilística, así como a súa importante industria auxiliar. Galicia foi quen de amosar unha capacidade asombrosa de adaptación aos cambios produtivos, loxísticos e de estratexia comercial do sector, pero a contraprestación foi a xeneralización de emprego precario, merma de dereitos laborais e a ameaza permanente da deslocalización cara a países veciños ou doutras latitudes. O goberno da Xunta actuou como un membro máis dos consellos de administración da PSA ou das auxiliares, priorizando a conta de resultados e os datos macroeconómicos sobre o emprego e a calidade do mesmo. Hoxe en día, por exemplo, PSA ten os niveis produtivos máis altos co menor cadro de persoal da súa historia, e con apenas 1.800 empregados e empregadas con xornada de 8 horas. A alta especialización laboral foi acompasada pola destrución de dereitos laborais, a xeneralización de convenios de empresa fronte aos sectoriais, e coa perda de capacidade de incidir nos centros de decisión do sector en Europa por parte de Galicia. Para reverter esta situación é preciso:
- Maior inspección laboral no sector da automoción. Promoveremos dentro da industria da automoción máis e mellores empregos, traballando coa inspección de traballo na verificación do cumprimento dos convenios e na supervisión sobre o desenvolvemento das xornadas laborais e as garantías coas que estas se realizan..
- Reforzo do I+D+i e reformulación do modelo do Centro Tecnolóxico de Automoción.O investimento en investigación e desenvolvemento é un elemento chave no necesario cambio de modelo económico. Reforzaremos esta idea dentro do Centro Tecnolóxico de Automoción (CTA) en colaboración coas universidades e atraendo e creando departamentos de investigación, así como sistemas de bolsas.
- As actuacións urbanísticas e as cesións de infraestrutura, sempre con retorno. Vincularemos calquera actuación urbanística, de cesión de infraestrutura ou de espazos industriais a que esta sexa artellada mediante un convenio que garanta a inversión e emprego por parte da sector.
- Condicionar toda axuda ao mantemento do emprego. A colaboración do sector público co sector privado debe facerse nun marco de responsabilidade, polo que vincularemos as liñas de colaboración ao mantemento de postos de traballo, á calidade dos mesmos e ao rendemento de ditas empresas.