Estás aquí: Inicio » Programa » A economía ao servizo da xente » Crédito e Banca Pública

Crédito e Banca Pública

A rixidez e restricións que sofren as pequenas e medianas empresas (PEME) en Galicia supón un grave problema para o desenvolvemento económico da nosa comunidade. Entre as causas que dan lugar a esta situación podemos sinalar que os períodos de cobro das facturas son demasiado altos (80 días de media en Galicia no 2015), o que dificulta a posibilidade de facer previsións de tesourería efectivas, o que supón un problema para os bancos á hora de avaliar a capacidade da empresas para devolver o diñeiro prestado. O mesmo ocorre cunha lei concursal que na que o resultado da suspensión de pagos para os e as acredoras é imprevisible. Así mesmo, constátase que unha parte das empresas carece de coñecementos e/ou formación suficiente para realizar unha boa planificación financeira.

Por outro lado, Galicia non posúe ningunha entidade financeira propia que teña en conta as características e particularidades do país, e que teña o seu centro de decisión no territorio. Esta situación é consecuencia do proceso de eliminación das caixas galegas, a súa posterior bancarización e intervención, así como o conxunto da reestruturación do sistema financeiro en todo o Estado. É imprescindible dotármonos de ferramentas bancarias con capacidade para xerar crédito e avaliar e apostar por proxectos. Integraremos os organismos actuais de crédito público --Igape, Afigal, Sodiga, Xes Galicia…-- sentando as bases da formación dunha Banca Pública Galega que estea, unicamente, ao servizo dos intereses da cidadanía.

1110. Banca Pública galega

As pequenas e medianas empresas galegas teñen enormes dificultades para acceder ao crédito, tanto polos elevados tipos de xuro como polas altas esixencias das entidades bancarias á hora de conceder un préstamo. A Xunta dispón de ferramentas --como son o Igape, Sodiga ou Afigal-- para facer fronte a esta situación, pero a fragmentación das liñas de axuda, así como o baixo volume de fondos, non propicia o seu aproveitamento. Proxectamos desenvolver unha oferta con capacidade para avaliar técnica, económica e financeiramente os diversos proxectos bancarios, atendendo especialmente ás necesidades que non cobren os grandes intermediarios financeiras. Con ese obxectivo, poremos en marcha un Instituto Galego de Crédito que contribúa a reactivar os fluxos crediticios ás PEMEs, impulse a actividade produtiva e sente as bases para a creación final dunha Banca Pública Galega.

2111. Unha administración cumpridora

Reforma do protocolo de pagos a provedores a fin de dar certeza, transparencia e fiabilidade aos procesos e períodos de pago da administración autonómica e dos organismos e axencias dependentes dela, garantido tanto o cumprimento da lexislación vixente, como as medidas de autorregulación sobre o pago. Revisión do protocolo de aprazamento de débedas a administración autonómica naqueles casos en que a falta de liquidez en empresas viables sexa crítica para a supervivencia da empresa.

3112. Impulsar as reformas estatais necesarias

Impulsaremos aquelas reformas no ámbito de competencia estatal que contribúan a destrabar a vida económica da PEMEs. Neste sentido, cabe citar a necesaria reforma dos concursos de acredores, a fin de facilitar o acceso das pequenas empresas en dificultades aos concursos, simplificando os procedementos e reducindo os enormes custos actuais. Conectado con isto, compre abordar o concepto de “xustiza gratuíta”, tamén para as empresas familiares. Así mesmo, cómpre revisar a lei de segunda oportunidade, xa que na práctica resulta completamente ineficaz e non permite a emerxencia de novo da actividade das e dos emprendedores. En particular, é necesario revisar o papel das débedas coas administracións públicas. Tamén afondaremos na regulación do sector bancario a fin de limitar abusos en forma de xuros disimulados mediante comisións e servizos asociados a impagados, devolución de efectos e demora en cotas.


X