Combate á precariedade e aos abusos laborais
Fronte a un modelo laboral que permite que o emprego non sexa garantía dunha autonomía persoal e promove a existencia de ‘traballadores pobres’, debemos impulsar políticas que dignifiquen as condicións de traballo, permitindo a conciliación e contribuíndo a diminuír as desigualdades no ámbito laboral, cumprindo e facendo cumprir os dereitos dos e das traballadoras contra prácticas abusivas.
Esixiremos da Inspección de Traballo un control exhaustivo sobre as prolongacións de xornada irregulares, así como as horas extras non pagadas. Solicitaremos tamén limitar no máximo posible as horas extraordinarias, para facilitar a creación de novos empregos. Do mesmo xeito, cómpre acabar coas fórmulas fraudulentas de contratación, dende a utilización de contratos eventuais para cubrir postos de traballo indefinidos, coma os contratos a tempo parcial, que agochan traballos de xornada completa que só se pagan e cotizan parcialmente, pasando por perseguir a sobreexplotación das persoas máis novas, sometidas a becas e formas similares que encobren relacións laborais normais. Para iso, a Inspección de Traballo deberá ser dotada cos medios e o apoio necesario.
Así mesmo, é preciso brindar apoio ás persoas que traballan por conta propia, especialmente as denominadas dependentes, que teñen unha relación supostamente mercantil, cando en realidade a súa vinculación coa empresa para a que traballan é puramente laboral.