Estás aquí: Inicio » Programa » A economía ao servizo da xente

A Economía ao Servizo da Xente

A economía ao servizo da xente e non a xente ao servizo da economía. O noso goberno colocará á xente e ao ben común como eixos ao redor dos que pivote toda a política económica do país. O noso, será un goberno que acompañará e coidará da súa xente fronte aos gobernos do PP, preocupados só polos intereses das grandes multinacionais. O noso, será un goberno que crea oportunidades para a súa xente, que quere contar cos mellores, e que acredita as capacidades deste país.

Un goberno galego que será o goberno da xente e para a xente, e que terá como primeira prioridade a creación de emprego. Un goberno para garantir o dereito a traballar aquí, mais non de calquera xeito, con dignidade, con medidas que combatan a precariedade laboral e o atraso dos dereitos laborais. Un goberno que procure novos modelos económicos que sexan máis solidarios, e polo tanto, máis fortes. Un goberno que pense en Galicia, e en como desenvolver as potencialidades económicas dun país rico que o PP tenta empobrecer. Un goberno que se centre na sustentabilidade enerxética e que sexa fonte de riqueza. Un goberno que aposte por unha xestión pesqueira integral, que aproveite o noso mar, que o queira e que o defenda.

O goberno galego de En Marea desenvolverá unha facenda propia deseñada para redistribuír a riqueza e reequilibrala socialmente, a cada quen segundo as súas necesidades. O goberno galego de En Marea apostará por unha fiscalidade xusta e sostida sobre unhas unhas finanzas transparentes. Este será un goberno que constrúa ferramentas útiles para a maioría, que restaure unha Banca Pública galega.

Un goberno dos máis, que traballe para construír un país mellor, que acompañe a súa xente e sexa a garantía dunha economía ao servizo das persoas. Un goberno da dignidade para un país en común.

Un goberno que impida proxectos como o de Reganosa na ría de Ferrol que obedece a intereses especulativos de grupos empresariais e pon en perigo a seguridade da cidadanía galega.

X