Estás aquí: Inicio » Principios Básicos

Principios Básicos

Estes son os principios básicos de En Marea, aprobados na Marea Constituínte o 30 de xullo en Vigo.

0. Garantía efectiva dos dereitos humanos

Aplicada a todos os grupos, xeracións e comunidades. Ás persoas migrantes, minorías étnicas, colectivos LGTBI e persoas con diversidade funcional e cognitiva. Procurando a inclusión social e combatendo toda forma de discriminación étnica, sexual, relixiosa ou de calquera outro tipo, cun compromiso claro coa cooperación exterior e coa adopción de medidas contra as empresas e entidades que vulneren os DD.HH. Garantindo unha existencia material digna e dereitos sociais para todas as persoas, cuxo empoderamento pasa polo exercicio dos seus dereitos políticos, nomeadamente o de asociación.

1. Radicalidade democrática

Rexeitamos un sistema meramente plebiscitario. Defendemos un modelo de democracia real, onde a sociedade delibere conxuntamente cos seus representantes institucionais sobre os asuntos de cotío, na procura dunha participación cidadá directa e horizontal e de institucións colaborativas e laicas, abertas e ao servizo da xente. Activando novas ferramentas metodolóxicas. Organizaremos unhas primarias abertas e participativas, validaremos un programa electoral colaborativo e estableceremos mecanismos de rendición de contas. Defendemos o dereito a decidir e a soberanía dos pobos.

2. Transparencia e loita contra a corrupción

Guiarémonos por un Código Ético vinculante no que os cargos electos, de confianza e persoal directivo adquirirán, entre outros, os seguintes compromisos: a declaración de bens, a súa revogación e censura, a limitación de mandatos, a non acumulación, nin duplicidade de postos e a rendición periódica de contas. Rexeitamos as prácticas clientelares de todo tipo, nomeadamente as portas xiratorias. Apostamos pola supresión dos privilexios, a democratización da representación política, a transparencia e xestión eficiente dos recursos; fomentando a auditoría cidadá das contas públicas.

3. Feminización da política e loita contra calquera tipo de discriminación

Defendemos a feminización da política. Isto é, unha maneira diferente de intervir e facer política, que respecte as diferenzas, a diversidade e pluralidade, o minoritario e fomente a colaboración e entendemento para acadar acordos; creando espazos sen xerarquías e sen competencias e loitas de poder, nos que primen os principios de solidariedade e igualdade. Declarámonos feministas, posicionámonos en contra do modelo patriarcal e a favor de combater calquera tipo de discriminación. Non só de xénero, senón de clase, de etnia, de crenzas ou de calquera outra natureza. Queremos un novo modelo social, que teña na coeducación un dos seu eixos principais, así como na visibilización e posta no centro das nosas accións programáticas a reconquista e a defensa dos nosos dereitos e liberdades; coa posta en marcha de plans específicos contra as violencias machistas e protección das vítimas, pola defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos, recoñecendo o dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo, esixindo o aborto universal e de balde con cargo ao gasto público; e coa realización de plans específicos de integración e de apoio laboral, sanitario, psicolóxico e xudicial en beneficio de todas aquelas persoas e colectivos minoritarios ou minorizados que sofren múltiples discriminacións.

4. Defensa dun modelo económico xusto que garanta os dereitos sociais e laborais

Propoñemos un novo modelo económico, respectuoso co ambiente, equitativo, solidario, sustentable e con total sentido da xustiza social. Rexeitamos o actual sistema económico de ditadura dos mercados e cremos noutro fundamentado no apoio mutuo e na solidariedade. Namentres ese sistema non sexa implementado, avogaremos por un modelo fiscal altamente progresivo que permita unha mellor redistribución da riqueza e recursos do país que garanta unha existencia material digna para todas. Cremos nas prácticas cooperativistas e iniciativas de economía social. Na defensa do rural e dos sectores agrario, gandeiro, forestal e pesqueiro, achegando os medios necesarios para garantir unha soberanía alimentaria. Unha xustiza gratuíta libre de taxas e dotada dos recursos necesarios para perseguir a fraude e a corrupción. Un novo modelo educativo compensatorio das desigualdades. Defendemos servizos públicos universais, gratuítos, e de calidade, con xestión pública, sen copagamentos nin recortes, en particular a sanidade, a educación, o dereito á conciliación da vida familiar e laboral, o réxime de pensións públicas e a aplicación efectiva da Lei da Dependencia. A atención ás persoas con mobilidade reducida ou necesidades especiais. Defendemos como fundamental o dereito á vivenda, o fin dos desafiuzamentos sen alternativa habitacional e a mediación cos bancos, un emprego e salarios dignos que combatan a precariedade, e unhas institucións ao servizo das persoas, que garantan para todas unha calidade de vida adecuada e coas necesidades básicas atendidas. Opoñémonos ás leis e aos tratados internacionais que degradan os nosos dereitos en beneficio dos intereses das multinacionais.

5. Defensa a lingua e cultura galega e do noso patrimonio

Defendemos todos os elementos da cultura do noso país, coa lingua como eixo vertebrador. Unha nova política lingüística integradora e efectiva e un decreto do galego no ensino que garanta a aprendizaxe do noso idioma e fomente o seu uso. Apoiaremos modelos de inmersión lingüística no ensino e a interacción co mundo cultural e lingüístico lusófono. Propomos un pacto coas persoas que representan a creación, a animación, e a difusión da cultura. Defendemos unha nova política de conservación e difusión do patrimonio cultural como valor social. Queremos institucións que apoien aos creadores e creadoras, que faciliten a expresión e produción cultural de base, e que alenten novas formas de creación artística. A política cultural debe significar tamén descentralización e diversidade, participación e accesibilidade para toda a poboación. Reactivaremos a conservación e difusión da memoria das vítimas do Franquismo.

6. Protección do ambiente e o benestar animal

Comprometémonos na loita contra o cambio climático a través da sustentabilidade, da redución de emisións, do aforro enerxético e dun consumo e produción responsables. Defendemos unha xestión dos residuos que reduza o seu volume e toxicidade, conserve e recupere os recursos naturais e evite o enterramento ou a incineración, segundo os patróns de Redución, Reutilización e Reciclaxe. Loitando contra a contaminación e a deforestación e limitando e sancionando as prácticas nocivas. Ordenando e respectando o territorio e alentando unha mobilidade sostible, baseada no transporte público e non contaminante, e nas infraestruturas verdes. Cunha aposta firme polas enerxías renovables, xestionadas desde un modelo de desenvolvemento comunitario, mediante modelos baseados na eficiencia enerxética e no autoconsumo. Coa defensa da biodiversidade, da calidade do aire e da auga, das especies autóctonas e dos recursos mariños. Co fomento da produción agrícola sostible e ecolóxica e a promoción do consumo de proximidade e de tempada. Coa protección dos dereitos dos animais e a salvagarda do seu benestar, desde unha perspectiva integral e unha aposta clara pola abolición daqueles espectáculos nos que sexan maltratados.

7. Defensa do común

Defendemos a xestión eficaz dos recursos públicos e a paralización das privatizacións de servizos, xunto coa recuperación dos bens comúns (como a auga e a enerxía) das mans dos especuladores. Institucións financeiras que non antepoñan o beneficio aos principios éticos. A recuperación de espazos públicos, limitando prácticas de empresas que explotan o que nos pertence a todas.

8. Máis autogoberno e mellor vertebración territorial

Apostamos polo municipalismo ao ser o Concello a institución administrativa máis próxima á cidadanía. Pondo en valor a parroquia e loitando contra o abandono do rural e o desequilibrio territorial do país, mediante a achega das infraestruturas e servizos sociais indispensables. Reformulando o urbanismo, evitando a especulación e preservando o territorio. Pola recuperación de políticas e plans de desenvolvemento local. Creando un marco facilitador dos procesos de cooperación intermunicipal, de xestión comarcal ou en áreas metropolitanas. Procuramos a equidade, a xustiza e a solidariedade interterritorial, que recolla toda a complexidade nos custos dos servizos para garantir a igualdade, tendo en conta os factores de dispersión e envellecemento poboacional. Galicia é para nós un suxeito político que debe ter ferramentas que lle permitan exercer o seu autogoberno, garantir os elementos que a configuran como nación e defender o benestar das persoas que vivimos nela. Estas ferramentas deberán tamén servir para defender estes intereses no estado español, na UE e en todos os estamentos e institucións nas que participa, e incrementar as súas relacións con Portugal e o mundo lusófono. Integrando no debate público á poboación emigrada como parte importante do que foi e é Galicia.

X