O presidente do Parlamento impide a Luís Villares preguntarlle a Feijóo pola xestión dos lumes

Estás aquí: Inicio » O presidente do Parlamento impide a Luís Villares preguntarlle a Feijóo pola xestión dos lumes

O presidente do Parlamento impide a Luís Villares preguntarlle a Feijóo pola xestión dos lumes

Aquí podedes ver as declaracións de Luís Villares sobre o acontecido no pleno

Nunha intervención continuamente interrumpida pola presidencia do Parlamento o voceiro de En Marea Luís Villares criticou duramente o abandono da xente por parte do goberno de Feijoo durante a xestión dos lumes dos días pasados.“Mentres o monte e as casas ardían e a xente saía valentemente coas súas mans a defender o ben común, vostede rendíase pola noite nos medios de comunicación dicindo que non se podía facer nada, que a situación estaba fóra de control”.

“A xente sentiuse abandonada cando chamaba ao 112 e os servizos estaban colapsados, cando lle dicían que non había bombeiros mentres a Xunta despedía brigadistas, cando lles dicían que faltaban medios de extinción cando había parques comarcais en Lugo e Coruña que non foron mobilizados, cando chegaban os sevizos de protección civil e non tiñan mascarillas para protexer a poboación, cando os mandos de emerxencias non sabían como activar os protocolos de evacuación da poboación malia estar en decenas de puntos declarado o nivel 2 de alerta, cando quedaron bloqueados no medio dun túnel na Cañiza, e poñían a radio para ver que pasaba e só escoitaban fútbol” enumerou Villares en referencia á descoordinación do operativo de extinción de incendios durante as horas de maior actividade incendiaria.

A covardía do presidente da Xunta, ao non querer dar a cara e comparecer na Cámara de representación galega, estivo moi presente na intervención de Luís Villares: “Abonda de esconderse , abonda de covardía. Compórtese como o presidente dun país en emerxencia nacional, que para iso o escolleron, e faga o que non fixo ata agora”. “O único que controlou vostede foi a CRTVG”, díxolle o voceiro de En Marea a Feijóo en referencia á falta de información e a tardía resposta dos medios públicos galegos. “A televisión debía informar como protexerse da intoxicación do fume, e funcionou como un medio de intoxicación informativa”.

Na súa resposta o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, limitouse a relatar onde se atopaba o domingo pola noite, ademais de xustificar a información á oposición dando conta dunha chamada telefónica ao voceiro de En Marea. A maiores, culpabilizou a algúns concellos, segundo el, por “non querer contar con brigadas municipais financiadas pola Xunta”.

O grupo parlamentario En Marea presentará unha queixa formal perante os servizos da Cámara, ao entender que houbo un evidente trato discriminatorio, pois mentres o voceiro Luís Villares foi constantemente interrumpido tratando de evitar a súa pregunta, non foi así co resto de grupos da oposición que preguntaron pola mesma cuestión nin tampouco durante a resposta do presidente da Xunta. “Por que nós non podemos preguntar sobres os lumes pero Feijóo si pode responder sobre o que considera, aínda non sendo preguntado polo tema”, protestaron en reiteradas ocasións.

Posteriormente, en declaracións a medios o voceiro de En Marea tamén explicou as demandas urxentes que lle ía plantexar ao presidente da Xunta e que non puido explicar polos impedimentos da presidencia. Sete medidas entre as que destacan a intensificación dos servizos sanitarios dispoñibles para seguimento e control das persoas intoxicadas polo fume e a atención psicolóxica á poboación afectada, un programa especial de axudas para a xente que perdeu os seus bens, empezando polos que perderon as súas casas e os seus negocios (con especial atención ás comunidades de montes) e un programa de choque ambiental, para evitar que a escorrentía desfaga o solo queimado e a contaminación masiva que chegará a ríos e rías nos vindeiros días.

A maiores, En Marea reclama que se facilite toda a información sobre superficie calcinada por distrito, concello e espazo natural protexido, así como a superficie total danada e se suspenda inmediatamente a política forestal actual, ademais de convocar a toda a oposición para elaborar un plan nacional forestal pactado con todas as forzas políticas. “Acompáñeno do cese inmediato do Director Xeral de Montes e active inmediatamente de xeito efectivo o mando único de emerxencias”, engadiu Villares, que tamén esixie a restauración da dignidade dos servizos públicos de información e “o cese inmediato de toda a plana maior da CRTVG”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

seven + 12 =

X