O PP rexeita a petición de En Marea para acabar co grave problema de persoal da Residencia Asistida de Maiores de Oleiros

Estás aquí: Inicio » O PP rexeita a petición de En Marea para acabar co grave problema de persoal da Residencia Asistida de Maiores de Oleiros

O PP rexeita a petición de En Marea para acabar co grave problema de persoal da Residencia Asistida de Maiores de Oleiros

O PP rexeitou acabar co grave problema de persoal da residencia asistida de maiores de Oleiros como pedía o grupo parlamentario de En Marea na proposición non de lei presentada en comisión. A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, denunciou unha vez máis na Cámara galega a intolerable situación que se está a vivir neste centro que como lembrou é o máis grande de toda a provincia da Coruña, cun total de 284 residentes. Pese a isto, é o que menos persoal de atención directa ten en relación á carga de traballo, unha deficiencia grave que está a provocar un aumento alarmante nas baixas por sobre esforzo, coa consecuencia de que as baixas non se están a cubrir debido á excesiva carga de traballo e as condicións nas que se ten que desenvolver.

A deputada de En Marea sinalou varios exemplos que ilustran a situación como:

  • Na quenda da noite, cada unidade conta coa presenza dunha soa auxiliar que ten que atender a un total de 44 usuarias/os con cambios posturais.
  • Na lavandería o problema é similar, sendo oito persoas as que traballan na quenda de día e reducíndose a unha soa na quenda de tarde.
  • O centro conta so cunha persoa de terapia ocupacional e unha animadora que teñen que atender diariamente a unha media de 150 residentes que asisten a este tipo de actividades.
  • As case 300 persoas residentes contan só con dúas fisioterapeutas.
  • Non existe psicólogo/a no centro e o psiquiatra visita tan só 6 horas ao mes. Este feito está a provocar un empeoramento da situación co ingreso de persoas con trastornos psíquicos procedentes dos hospitais psiquiátricos que están pechando. O propio director do centro recoñeceu ao grupo de En Marea nunha das visitas realizadas ao centro que este método non é o mais axeitado, ao carecer os centros de atención directa como a Residencia de Oleiros coas unidades e o persoal específico que se necesita para tratar a estas persoas.

Á grave deficiencia de persoal hai que sumar as deficiencias nas instalacións, o deterioro do chan que inflúe no día a día do persoal e dos residentes o que supón un problema estrutural que é necesario solucionar ao supor un risco para a seguridade das persoas do centro a maioría con mobilidade reducida.

En canto ao material é tamén necesario mercar dúas máquinas de lavado adecuadas para asumir o traballo diario que supera os 1.000 quilos de roupa ao día. Tamén é preciso cambiar as camas antigas que están a dificultar moito o día a día do persoal do centro pola altura inadecuada, así como a máquina de raios que ten máis de 20 anos e trátase dunha máquina fixa que dificulta o seu uso nun centro cun elevadísimo nivel de dependencia.

Ante esta situación, o grupo parlamentario de En Marea presentou unha proposición non de Lei na que se instaba ao Goberno galego a cubrir as demandas existentes na Residencia de Maiores de Oleiros tanto no relativo ao persoal como ás deficiencias materiais e de instalacións. O PP rexeitou esta petición limitándose a dicir que non eran certas ás denuncias feitas por En Marea o que deixou en evidencia o nulo coñecemento da realidade que está a vivir o centro xa que como explicou a deputada os datos de persoal son os que ten a Xunta de Galicia e as deficiencias denunciadas foron recollidas en diversas visitas realizadas ao centro por Eva Solla e a entrevista co propio director e persoal desta residencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

two × three =

X