Estás aquí: Inicio » Posicionamento de En Marea sobre o Goberno galego ante a emerxencia sanitaria polo coronavirus
Queremos compartir con vós, ao longo destes días, o noso posicionamento e propostas ante esta emerxencia, comezando hoxe cunhas consideracións en relación ao Goberno galego ante a emerxencia sanitaria derivada do coronavirus:
Esta crise, alén de inda non estar concluída, apunta para un novo escenario inda máis preocupante: poderá repetirse periodicamente os vindeiros anos.
O Goberno galego non pode escudarse nunha mala xestión dende Madrid. O Goberno galego ten as súas responsabilidades, mais escúdanse unha e outra vez en Pedro Sánchez como se dun salvoconduto se tratase.
Nunha situación de excepcionalidade precísanse medidas valentes. Precisamos dotarnos de mecanismos que suplan as carencias que veñen dadas dende Madrid. Precisamos autogoberno, pois o autogoberno é responsabilidade, responsabilidade que o goberno galego non exerce.
A existencia dun Servizo Sanitario Público desmantelado polas políticas neoliberais do Partido Popular non é un problema de Madrid, é un problema de Galicia.
Os recortes e a privatización nos servizos públicos galegos polo actual Goberno non é un problema de Madrid, é un problema de Galicia.
O desmantelamento dos Servizos Sociais no noso país non é un problema de Pedro Sánchez, foi e é unha acción do actual presidente da Xunta, do señor Feijoo.
Entendemos que é precisa unha coordinación e a cooperación co executivo central, por suposto, pero Galicia non é Madrid, nin Valencia, nin Navarra. Galicia ten as súas peculiaridades poboacionais, de dispersión xeográfica, de tecidos produtivos, etc. Por iso Galicia precisa de solucións diferentes, e aí é onde temos que amosar o noso autogoberno.
Onde están as medidas do presidente da Xunta para blindar a xustiza social?.
Onde están as medidas do presidente da Xunta para blindar o estado do benestar?.
Onde están as medidas do presidente da Xunta para blindar a ética dos coidados?.
O Partido Popular leva anos desmantelando os servizos públicos e facendo negocio a conta deles coas súas amizades da privada. A Xunta, en vez de reclamar e exercer as súas competencias fronte á centralización imposta coa declaración do estado de alarma, asume, coma sempre, un papel subsidiario.
Fronte á privatización, apostamos por protexer e coidar aos colectivos máis vulnerables ao contaxio. Debemos protexer e coidar ás nosas maiores, ao persoal sanitario, ao de atención social, ao de actividades esenciais, etc. A xestión dende a proximidade amósase máis eficaz para detectar problemas, incluso para confinar (protexer) á poboación, de aí a insistencia na necesidade do autogoberno.
1 Comment
Ainda fai uns días escoitei a Conselleira de Pesca que lle ia preguntar o Ministro de Sanidade si podían traballar ou non os mariscadores. Que vergoña! Que vai saber o Ministro de Sanidade destas cousas. Ela ten que sabelo e transmitirlo o Ministerio e defender a sua postura, pois tiña que se mais acertada por estar moito mais preto dos problemas desta xente. O que pasa e que ten medo a mollarse e evitar responsabilidades, e así fai Feixoo con todo
Si por eles fora non querían nin as competencias que teñen.