Estás aquí: Inicio » Pediatras do sistema galego de saúde galego aseguran que “a dia de hoxe non se pode garantir a equidade sanitaria na atención sanitaria pediátrica”
Na terceira xornada da comisión alternativa de Sanidade impulsada polos grupos da oposición na que compareceron Marian Rodríguez e Encina Galego, pediatras do sistema público onde deixaron constancia da situación de carencia de profesionais que padecen as nenas e nenos no noso país.
A primeira en intervir foi a pediatra, Encina Galego, que comezou rexeitando a creación da figura do pediatra de área xa que supón a perda de calidade asistencial dos nenos e pretende que os pediatras sexamos médicos para todo. Na súa intervención asegurou que “a dia de hoxe non se pode garantir a equidade sanitaria na atención sanitaria pediátrica”. Así mesmo denunciou a sobrecarga de burocracia “que penaliza a atención pediátrica por exemplo nos informes de faltas escolares”.
Marian Rodríguez, tamén pediatra do SERGAS, denunciou pola súa parte a inexistencia dunha continuidade asistencial nos hospitais comarcais e o esquecemento sistemático por parte do Goberno galego nos concursos de traslados e OPES das prazas de pediatría nestes centros a causa do “hospital-centrismo” que domina as súas políticas sanitarias. Como mostra sinalou a situación da atención pediátrica no hospital do Barco onde cunha praza cuberta unicamente por un pediatra que asina contrato mes a mes, e no hospital de Verín hai un pediatra a punto de xubilarse que ten que atende 365 días ao ano e que ten que atender tamén aos partos.
Unha das solucións a falla de pediatras ven pola mellora das condicións de traballo que faga atractivo traballar en Galicia pero tamén deben mellorarse as condicións do interior fronte ao eixo atlántico para garantir que a xente queira ir traballar a estas zonas” salientou Marian Rodríguez.
A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, salientou a dura critica por parte das dúas comparecentes á falla de previsión na planificación das necesidades de pediatría, algo no que asegurou coincide En Marea. “É unha mágoa que o PP non queira escoitar tanto as críticas coma as propostas das profesionais” lamentou Eva Solla.
Neste senso, sobre as propostas debatidas, En Marea considera compatible a distribución dos cupos para que ningún neno ou nena careza de pediatra no país como a necesidade de dar acceso ás zonas do rural máis afastadas, incentivando a eses profesionais. Paralelamente asegurou coincidir na necesidade de formar máis pediatras e acusou ao PP de atacar “o dereito das nenas e nenos galegos ao deixalos sen pediatría só por ser de algúns concellos determinados”.
A deputada Flora Miranda tamén presente na comisión quixo poñer o acento na situación de déficit de planificación na atención pediátrica aos nenos e nenas deste país que segurou “é neglixente e intencionada en deteriorar o sistema público de saúde”. “Isto atenta contra a equidade na atención pediátrica aos nenos e nenas resultando prexudicadas as crianzas dos lugares máis periféricos” incidiu. Por este motivo, considerou necesarias medidas que atracción de pediatras con condicións dignas, para combater a precariedade laboral. “A dignidade profesional é imprescindible para a calidade asistencial” concluíu.