Estás aquí: Inicio » Paula Quinteiro: “O feminismo e a educación en Igualdade nunca foron unha prioridade para os gobernos do PP”
En Marea condena os últimos asasinatos por violencia machista e anuncia propostas para que “o clamor da rúa se materialice en medidas concretas”
Tralo rotundo éxito das mobilizacións feministas do pasado 8 de marzo, a deputada Paula Quinteiro condenaba hoxe en rolda de prensa, o asasinato de tres mulleres por violencia machista en menos de 48 horas, dúas delas galegas. “O 8M é unha data fundamental, onde adquiren centralidade todas as reivindicacións feministas e se fala moito de Igualdade”, sinalou a parlamentaria de En Marea, “peor non pode quedar como unha data illada no calendario, a perspectiva de xénero debe estar presente os 365 días do ano de maneira transversal”.
Para Quinteiro, a Xunta de Galicia lonxe de asumir esta cuestión como prioritaria, mantén unha “actitude cínica sen límites” en referencia á imposición duns servizos mínimos abusivos durante a pasada xornada de folga feminista. “No ano 2018 tiveron sentenzas que os condenaban e este, de novo, volveron poñer trabas ás mulleres galegas para o exercicio dun dereito fundamental como é o dereito á folga”.
Outra mostra máis da dobre moral do PPdeG con este asunto foi o rexeitamento no pasado pleno de iniciativas fundamentais para a defensa dos dereitos das mulleres en materia de saúde. “Estamos asistindo a un retroceso neste tema”, denunciou Paula Quinteiro, “desmantelando servizos fundamentais como son os Centros de Orientación Familiar, neste caso na Coruña, mentres continúan derivando sistematicamente as mulleres que queren exercer o seu dereito a abortar a clínicas privadas sen ningunha explicación”.
En Marea volverá trasladar ao Pleno desta semana algunhas das propostas que se recolleron da xornada de folga feminista. “Unha na que solicitamos algo tan básico como o cumprimento da lexislación actual en materia de igualdade nos medios de comunicación e outra para por freo a fenda salarial, a fenda que existe nas pensións e tamén para avanzar no reparto do traballo de coidados, porque todos estes temas están moi vencellados”
“Estamos fartas que o PP fale de conciliación e fale de rematar coa fenda salarial cando no tempo que levan gobernando non puxeron en marcha ningunha medida para que esta situación remate porque a día de hoxe a súa práctica contradí os seus discursos”, lembroulles Quinteiro, que fixo referencia á denuncia das traballadoras do servizo de limpeza dos edificios da Xunta por mor da fenda salarial por razón de xénero que padecen”.
Outro dos eixos fundamentais para En Marea son as políticas educativas en materia de Igualdade. “É fundamental a educación e é neste punto no que temos máis diferenzas co PP”, lembrou a parlamentaria de En Marea, “pois non é coherente con estes principios que sigamos segregando o alumnado por sexo nas aulas”. Tamén é prioritario implantar a materia de Igualdade nos currículos educativos e que a administración forme ao profesorado nesta materia.
En Marea tamén reclamará un espazo permanente neste Parlamento para falar de medidas específicas de igualdade. “A pesar de que esta debe estar presente en todas as comisións, é igualmente importante que poida existir un espazo de traballo específico” e engadiu que “por outra banda, a linguaxe constrúe realidades, e a día de hoxe non se está respectando a normativa que existe en torno a linguaxe inclusiva dende a Administración, pois o propio regulamento desta Cámara está feito dende unha linguaxe sexista, e creemos que xa é hora de que se tomen en serio as políticas feministas”.