O Parlamento aproba a petición de En Marea para que a Xunta estude a creación en Galicia dun centro público de referencia para a rehabilitación de persoas con dano cerebral adquirido

Estás aquí: Inicio » O Parlamento aproba a petición de En Marea para que a Xunta estude a creación en Galicia dun centro público de referencia para a rehabilitación de persoas con dano cerebral adquirido

O Parlamento aproba a petición de En Marea para que a Xunta estude a creación en Galicia dun centro público de referencia para a rehabilitación de persoas con dano cerebral adquirido

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade á petición do grupo parlamentario de En Marea para instar á Xunta de Galicia a “estudar, nos primeiros meses do ano 2018, a creación en Galicia dun centro público de referencia para a rehabilitación de persoas con dano cerebral adquirido”. A deputada de En Marea Paula Vázquez Verao salientou en comisión a necesidade de actuar para mellorar a atención ao dano cerebral en xeral e o ictus, particularmente, que explicou é a primeira causa de morte feminina en Galicia e a primeira causa de discapacidade na persoa adulta. Así mesmo, o traumatismo craneoencefálico é a primeira causa de invalidez entre mocidade e a segunda de dano cerebral adquirido.

Nestas situacións, é fundamental, para evitar as máximas secuelas posibles, o tratamento no menor tempo posíbel nun centro hospitalario que conte cun equipo especializado en dano cerebral, tanto na etapa de atención aguda como no período establecido de rehabilitación. “En todo o Estado, é notoria a inexistencia de recursos públicos destinados para atender unha rápida, continuada e avaliada rehabilitación neurolóxica. No caso de Galicia, non existen unidades específicas para dano cerebral nos Hospitais nin un centro para a rehabilitación específica de larga estancia.” denunciou a deputada de En Marea.

Na actualidade, pacientes que precisan deste tipo de rehabilitación son derivados ao Centro de Referencia Estatal de Atención ao Dano Cerebral ou a unha clínica de Barcelona e, recentemente, tamén a unha clínica pontevedresa non existindo en Galicia centro público que cubra esta necesidade fundamental para que pacientes recuperen mobilidade e vida independente.

En ambos centros existe lista de agarda, o que prexudica o resultado óptimo na mellora ou rehabilitación. Ademais, non todas as persoas dispoñen de acompañantes que podan desprazarse para o tratamento e sufragar o tempo de estancia en Madrid ou Barcelona. Por outra parte, no centro estatal só se atenden doentes de 16 a 55 anos con procesos recentes e recuperables e en estado físico de poder viaxar cada 15 días, e no centro de Barcelona, existe lista de agarda.

Paula Vázquez Verao destacou ademais que o tratamento na clínica pontevedresa coa que recentemente a Xunta asinou un convenio só se atenden pacientes diagnosticadas de “estado de vixilia sen resposta”, do que cada ano se diagnostican entre 15 e 30 novos casos e Galicia. “O acceso a este servizo especializado na vía privada é inasumible pola maioría de persoas ou familias e a maioría de casos non encaixan nos criterios polos que serían atendidos nestes centros” denunciou a deputada de En Marea.

Vázquez Verao destacou que as unidades especializadas de ictus, con equipos multidisciplinares especializados na atención ao ictus son máis efectivas que as unidades xerais dos hospitais, ou que residencias ou outros servizos sanitarios de terceiro nivel.

Por este motivo, o grupo de En Marea presentou esta iniciativa que foi finalmente aprobada por unanimidade. A deputada de En Marea adiantou xa que o seu grupo velará polo seu cumprimento e anunciou levará a cuestión novamente ao Parlamento no primeiro trimestre do vindeiro ano para coñecer as accións desenvoltas polo Goberno galego para dar cumprimento a esta petición.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

12 + thirteen =

X