O Parlamento aproba a iniciativa de En Marea para que a Xunta atenda ás “xustas reivindicacións” do persoa da Administración de Xustiza

Estás aquí: Inicio » O Parlamento aproba a iniciativa de En Marea para que a Xunta atenda ás “xustas reivindicacións” do persoa da Administración de Xustiza

O Parlamento aproba a iniciativa de En Marea para que a Xunta atenda ás “xustas reivindicacións” do persoa da Administración de Xustiza

O grupo de En Marea presentou no pleno da Cámara galega unha iniciativa na que se insta ao Goberno galego a atender as “xustas reivindicacións” do persoal do servizo da administración de Xustiza que foi aprobada por unanimidade en todos os seus puntos salvo no relativo á equiparación salarial no caso de sustitucións verticais.
O voceiro de En Marea comezou a súa intervención destacando o amplo seguimento que tivo a xornada de folga convocada o pasado 1 de decembro cun seguimento do 82 por cento de media e próximo ao 90 por cento en Ourense, Pontevedra e Coruña.

Unha das primeiras reivindicacións é a aplicación do principio de igualdade, algo básico na idea de xustiza. Como recordou Villares dende a Orde de 19 do xaneiro de 2010, na que se determinou o importe do complemento autonómico transitorio do persoal da administración de Xustiza establecéronse diferenzas salariais entre este persoal nas diferentes CCAA, percepción salarial que substituía un concepto do complemento de destino que regulaba o RD 1909/2000. As traballadoras e traballadores aturaron esta situación durante todo este tempo. “En 2018 o Goberno galego di que teremos o nivel de PIB máis alto da historia. A maior riqueza. É xa hora de que esa riqueza sirva para acabar coas discriminacións salariais coma esta” asegurou.

Para isto compre segundo o voceiro de En Marea, convocar a mesa sectorial e negociar coas organizacións sindicais con representación entre o persoal de xustiza para acadar unha equiparación dos salarios e complementos do persoal da Administración xudicial de Galicia cos seus homólogos noutras CCAA.

A segunda das reivindicacións, pasa por recoñecer o dereito de todas e todos os traballadores da Xustiza a “coller unha gripe”. “Dentro das oficinas xudiciais galegas, se todos collen a gripe, o xuíz/a e o Letrado da administración de Xustiza non teñen descontos por se poñer de baixa, pero o resto da oficina xudicial si” subliñou Villares.

O voceiro de En Marea referiuse a desigualdade no tratamento do funcionariado galego respecto doutras comunidades sobre estes complementos das prestacións económicas en situación de IT e noutras situacións protexidas reguladas no decreto 169/2013. Por estes motivos, En Marea asegura que é necesario negociar e acadar un acordo para que non exista discriminación salarial do ámbito da xustiza na percepción do complemento das prestación por IT e similares.

A terceira das reivindicacións pasa por denunciar o aumento da carga de traballo e a diminución do número de traballadores e traballadoras. Segundo as organizacións sindicais amortizáronse 106 prazas de persoal ao servizo da Administración de Xustiza desde o ano 2012, co que a súa función queda menoscabada. Así prodúcense situacións de exceso de traballo, colapso, e problemas na hora da consecución dunha xustiza real e efectiva que garanta o restablecemento dos dereitos das persoas afectadas. Ante esta situación, Villares sinalou a necesidade de repoñer as prazas amortizadas desde o ano 2012, especialmente en ámbitos de especial afectación.

A última das reivindicacións do persoal do servizo da administración de Xustiza pasa por acabar coa discriminación que se está a producir a nivel salarial que non contou co apoio do Partido Popular sendo o único punto que non saíu adiante da iniciativa de En Marea. Villares explicou que no caso de substitucións verticais non se cobra o 100 por cento das retribucións pertencentes por o posto ocupado.

Tampouco existe unha consolidación de prazas de reforzo de máis de tres anos tal e como se comprometera a Dirección Xeral de Xustiza. Por isto é de xustiza como declarou o voceiro de En Marea, equiparar salarialmente ás substitucións verticais e consolidar aquelas prazas de reforzo que leven máis de 3 anos.

“En definitiva, estas reivindicacións son xustas para unhas condicións de traballo dignas que permitan unha xustiza áxil e eficaz” como sinalou o voceiro de En Marea e que finalmente obtivo o apoio de todos os grupos con representación na Cámara galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

16 − twelve =

X