Estás aquí: Inicio » Os orzamentos 2019 da Xunta deixan en evidencia que non é a lexislatura do rural
O deputado de En Marea, Davide Rodríguez, foi o encargado de analizar os orzamentos presentados pola Consellería de Medio Rural para o vindeiro ano, unhas contas que asegurou deixan en evidencia que esta non é a lexislatura do rural para o Goberno galego pese a insistencia en repetir esta afirmación. “Esta comparecencia e estes orzamentos son case unha repetición idéntica dos do ano pasado, e esta é unha situación moi preocupante, porque tendo en conta que está demostrado que non están funcionando as políticas que están pondo en marcha, entendemos que apostar por uns orzamentos continuístas non é ningunha boa nova” denunciou Davide Rodríguez.
A realidade para En Marea é que o goberno de Núñez Feijóo leva moitos anos poñendo en marcha políticas que o favorecen é o abandono do rural, a degradación das condicións materiais das persoas que viven no rural, e non se está conseguindo ese obxectivo que din perseguir, que é un rural máis competitivo e un rural máis vivo. “Estes orzamentos non van a servir para conseguir estes supostos obxectivos” asegurou.
Algunhas das partidas ás que se referiu Davide Rodríguez na súa intervención foi a relativa aos programas de ordenación das produción forestais no ano que se está debatendo o que será o novo Plan Forestal de Galiza, partida que cae en 12 millóns (15,7%), así como noutras partidas de especial interese como pode ser a de Fomento do asociacionismo agrario e divulgación da tecnoloxía agraria.
O capítulo de transferencia de capital no que afecta á subdirección de prevención de incendios, aparece como novidade o convenio Concello-Seaga, cun total de 7.500.000 euros, todos procedentes de fondos propios. No que se refire á Subdirección de Recursos forestais, o dato máis significativo é a desaparición, de máis de 5 millóns que se desvían á Axencia Forestal Galega, como xestora de ditos fondos.
O deputado de En Marea referiuse tamén a merma nas axudas de forestación, ao castiñeiro, e a selvicultura de coníferas pese a ser unha das axudas máis demandadas no territorio galego.
“Durante o Debate do Estado da Nación, o presidente da Xunta manifestou que que a extinción e prevención dos incendios sexa pública recórdame aos soviets da Unión Soviética, deixando claro que a idea de continuar sometendo aos servizos de emerxencias a unha progresiva perda de dereitos laborais a través de externalizacións” lamentou Davide Rodríguez.
“Os orzamentos que hoxe vostede propón aquí, van a dar como resultado que Galiza fique cada vez mais vulnerábel e dependente, impedida de dispor dunha política agro-rural propia, feita en función das súas necesidades. Para vostedes, as habitantes e os habitantes do rural somos cidadáns de segunda e a súa política premeditada está a afogarnos” concluíu o deputado de En Marea.