Estás aquí: Inicio » Os Encontros Provinciais, nos que se consensuaron as ideas forza sobre o Estado e Europa que formarán parte das teses que se debaterán no Plenario de outubro, abren o proceso participativo de En Marea
En Marea iniciou hoxe o proceso participativo cos Encontros Provinciais que se desenvolveron simultaneamente en Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra e nos que as persoas inscritas consensuaron as estratexias políticas a seguir polo espazo no estado, trala moción de censura, e en Europa, no que é “o mellor exemplo democrático do país” e o xeito que ten En Marea de facer política, de abaixo a arriba.
“Hoxe iniciamos a primera fase do proceso de participación que nos levará á ratificación das teses políticas que están a construir neste momento as persoas inscritas”, asegurou o voceiro de En Marea Luís Villares en Pontevedra, nuns Encontros Provinciais que arrincaron ás nove e media da mañá coa formación de grupos reducidos que responderon ás preguntas e aportaron as súas iniciativas e propostas, e que logo consensuaron con todos os participantes nunha posta en común antes do peche da xornada. Villares precisou que este proceso participativo “responde á necesidade de lanzar un debate político que para nós é fundamental”.
O voceiro de En Marea explicou que a temática nesta volta é a situación política no estado, cales son as expectativas trala moción de censura e cales son as expectativas de por onde debe ir o cambio político no estado.
As persoas tamén reflexionaron e debatiron hoxe, “algo no que queremos facer especial fincapé”, sobre se En Marea debe concurrir ás eleccións europeas, sobre se o debe facer con alianzas e sobre que valores e principios queremos compartir nesas alianzas. Neste sentido, Villares remarcou que En Marea, como espazo político soberano que trata de articular as necesidades do noso país, quere inxerirse nas correntes internacionais que están loitando activamente “na defensa dos dereitos fundamentais, dos dereiros das persoas, na defensa dunha europa máis social que non deixe a ninguén atrás, que mire pola xente e non aos mercados” porque iso, engadiu, “está a producir un esquecemento absolutamente inxustificable non só dos dereitos dos que vivimos dentro de Europa senón tamén dos que están fóra das nosas fronteiras e nós iso non podemos aceptalo”.
O voceiro do espazo do cambio considera que é o momento de que En Marea fale tamén destes temas, e nos poñamos na corrente internacional na defensa dos dereitos fundamentais e na defensa dunha Europa social. “Iso é do que tamén viñemos a falar aquí e do que sacaremos unhas conclusións que nos leven a construcción dunhas teses que despois nun debate conxunto aprobaremos no Plenario de outubro”, concluiu.