Estás aquí: Inicio » Opoñémonos ás curtas de árbores e queimas de montes como estratexia preventiva fronte aos lumes
Diante da intención da Xunta de realizar curtas de árbores e queimas preventivas en máis de 600 hectáreas de 4 demarcacións forestais (Fisterra, Terra de Lemos, Verín e O Condado) nun plan piloto que ameaza con estenderse a toda Galicia, desde En Marea solicitamos información sobre a xustificación do citado Plan e reivindicamos métodos alternativos para as franxas de protección sostibles como o pastoreo e a plantación de especies frondosas.
Queimar montes e bosques é unha práctica do ser humano desde o neolítico polas poboacións primitivas, porén hoxe hai medios técnicos e humanos para evitar o uso do lume e xestionar os ecosistemas de maneira sostible. Queimar o monte produce unha forte degradación do chan, erosión, perda de biodiversidade (por cada hectárea calcinada morren unha media de 300 aves e 500 mamíferos) e agravamento da crise climática. A maiores, a destrución dos ecosistemas naturais relacionase coa aparición de pandemias coma a actual do COVID-19.
Por outra banda, lembramos que no ano 2019 morreron 4 persoas atrapadas por lumes forestais derivados de queimas autorizadas oficialmente: 2 persoas en 2 aldeas do Val do Limia, outra en Güin e no Ribeiro no concello de Bande.
Os lumes apáganse no inverno, pero non para a Xunta de Galicia. O anuncio feito pola Consellería de Medio Rural delata a ausencia de traballos de control da biomasa vexetal durante o inverno, o que pode constituír un serio risco para os montes e para a poboación en xeral nos vindeiros meses.
Desde En Marea esiximos a xustificación técnica desta proposta con aclaración dos seguintes puntos: que mellora substancial vai supoñer en tempo, persoal, riscos e efectos ambientais a queima fronte ao desbroce mecánico. Entendemos que chegados a este punto de emerxencia, cando menos o desbroce e trituración dos restos deixa unha capa orgánica superficial protectora que reducirá o risco de erosión dos solos pola choiva.
Con este premeditado “plan” de queimas, a Xunta de Feijoo volve a demostrar o seu negacionismo climático, a súa insolidaridade co conxunto da humanidade, e a súa incapacidade de procurar alternativas sustentables, e decide gastar en queimar o país os cartos públicos que non emprega en garantir a saúde do persoal dos traballos forestais.
Propoñemos de cara ao futuro substituír queimas e desbroces mecánicos pola plantación de barreiras de especies frondosas ao redor dos viais, combinadas con técnicas de pastoreo en cortalumes, como se está a facer noutras partes do Estado, outorgando subvencións a gandeiras locais para o mantemento das franxas de protección, complementando os seus ingresos. En Marea entendemos que debemos -e con intelixencia é posible- cos mesmos cartos, manter a saúde dos sistemas naturais e un tecido social vivo no noso rural.