Estás aquí: Inicio » O TSXG admite o recurso contencioso administrativo presentado polo vicevoceiro de En Marea no Parlamento e require á Xunta a remitir o expediente sobre a fusión das caixas no prazo de cinco días
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de admitir a trámite o recurso contencioso administrativo presentado polo vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, ante a persistente vulneración dos seus dereitos como deputado por parte da Xunta de Galicia ao negarse a entregar a documentación solicitada sobre o proceso de fusión das caixas galegas. Na súa resposta o TSXG ordena á Administración á remisión do expediente administrativo, acompañado dos informes e datos que estime procedentes.
O pasado venres, o deputado de En Marea denunciaba en rolda de prensa a situación e daba a coñecer este recurso despois de ter rexistrado anteriormente, o 20 de setembro, unha nova petición no Parlamento de Galicia que tampouco recibiu resposta, despois de facelo igualmente o 20 de maio e 6 de xuño de 2018.
Sánchez explicou que desde 2013 –como deputado de Alternativa Galega de Esquerda na anterior lexislatura- tiña solicitado esta información sen obter nin a documentación requirida nin resposta algunha por parte da Xunta de Galicia pese a estar obrigada.
Os documentos solicitados son entre outros, a carta de encargo da auditora KPMG que en teoría avalaba a fusión das caixas segundo Núñez Feijóo e Marta Fernández Currás, e onde o Goberno galego reflexaba as cuestións a auditar, información fundamental para valorar a responsabilidade da Xunta de Galicia. “Este documento desapareceu misteriosamente e non sabemos porque non se quere entregar” denunciou o vicevoceiro de En Marea. Outro documento pedido foron os informes dos técnicos da consellería de Facenda incluídos no expediente de fusión e dos que tampouco nada se sabe.
A intención de ocultar e obstruír por parte tanto do Goberno galego como do Partido Popular queda de manifesto así mesmo na xestión dunha comisión de investigación das caixas paralizada por vontade do PP.
Segundo sinalou o pasado venres o vicevoceiro de En Marea “o PP continua a xogar cos tempos tratando de dilatar os tempos e evitar que as responsabilidades políticas que deriven poidan ser efectivas” .
Unha vez emitida a Dilixencia de ordenación do TSXG, que admite a trámite o recurso e ordena á Xunta de Galicia a entregar o expediente, o procedemento xudicial, ao ser preferente, agárdase que estea fallado nun prazo relativamente breve de tempo.