Estás aquí: Inicio » O PP vota en contra de dar a formación necesaria e obrigatoria ao colectivo de bombeiros forestais de xeito público como establece a propia lexislación
O grupo do Partido Popular no Parlamento de Galicia votou en contra da iniciativa presentada pola deputada Paula Quinteiro na que se insta á Xunta de Galicia a incluír no programa da Academia Galega de Seguridade Pública, ou no centro público que se considere, a formación necesaria e obrigatoria para todas e todos os bombeiros forestais que desempeñan as funcións en Galicia. Con esta votación, o que fixo o PP foi votar en contra de cumprir a propia lexislación galega.
Na súa intervención, Paula Quinteiro lembrou que o Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais da Xunta de Galicia ten consideración de servizo de emerxencias por dúas vías. A primeira delas vén reflexada no acordo de condicións especiais do Persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta de Galicia incluído no V Convenio Colectivo Único para o Persoal laboral da Xunta de Galicia, vixente a día de hoxe, onde se indica que o SPDCIF terá consideración de servizo Preventivo, ademais de Emerxencias. A segunda vía vén derivada da publicación da nova Lei de Protección Civil do Estado (Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema Nacional de Protección Civil).
En Marea entende que a Xunta de Galicia debe dar a formación especifica ao persoal do SPDCIF descrita no RD 624/2013, do 2 de agosto, e elaborar protocolos para a actuación axeitada nos lumes interface (lumes urbanos-forestais) o que garantiría unha mellor eficacia e seguridade tanto do SPDCIF como da cidadanía, tal como recomenda no seu preámbulo a Lei Orgánica 4/2015, de 30 de marzo, de proteción da seguridade cidadá.
Ás categorías do SPDCIF -Servizo público de defensa contra incendios forestais da Xunta de Galicia- con responsabilidades directas nas tarefas de prevención e extinción, recoñecéuselles a categoría profesional de Bombeiro forestal. Unha vez recoñecida esta categoría profesional, e encadrados na familia de seguridade e medio ambiente, a formación inherente ao marcado pola propia lei debe chegar de inmediato para non incumprir o curricularmente establecido polos decretos correspondentes.
“Esta formación é imprescindible diante das necesidades, tanto no eido do nivel técnico coa afronta que supoñen o novo tipo de lumes, como para rematar o proceso legalmente establecido pola lei na formación correspondente a nova categoría profesional” defendeu Paula Quinteiro en comisión.
A Xunta de Galicia conta coa Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), centro especializado neste tipo de formación para os servizos públicos de emerxencias, polo que entendemos que a proposta encaixa perfectamente dentro da infraestrutura pública de formación.
Por este motivo, En Marea presentou esta proposición non de Lei, que foi rexeitada polo PP, na que se instaba ao Goberno galego a incluír no programa da Academia Galega de Seguridade Pública – ou centro público que a administración considere- a formación necesaria e obrigatoria para todas e todos os bombeiros forestais que desempeñan as funcións en Galiza.
Así mesmo, pídese que se forme a estas traballadoras e traballadores nos módulos de labores de vixilancia e detección de incendios forestais, mantementos de infraestruturas e información a poboación, extinción de incendios forestais, continxencias no medio natural e rural, primeiros auxilios e módulos de prácticas profesionais non laborais de operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural.
O PP demostra con esta votación que non asumiu ningunha responsabilidade tras a pasada vaga de lumes, e sigue mirando para outro lado. Este sería só un paso máis ante a nefasta xestión do Goberno en materia de prevención e extinción de incendios forestais, xa que só deberían cumprir coa lexislación xa aprobada.
Dende En Marea vólvese reclamar que a aposta é clara, un único servizo publico 100 por cen, e afondar nas problemáticas estruturais. o que require un cambio de modelo que pasa por poñer o acento na prevención e no traballo a longo prazo. Pola nosa parte seguiremos apostando por ese cambio de modelo no que deben insertarse todas as políticas forestais, rurais e medioambientais se queremos evitar que traxedias como a do pasado outono volvan repetirse.