Estás aquí: Inicio » O Plenario Telemático aproba cun 62% de votos a favor concorrer ás Autonómicas
As inscritas son as protagonistas e quen debe decidir, por iso En Marea afrontou o reto de preparar un plenario telemático coa participación de centos de persoas, no que decidir sobre a concorrencia ás Eleccións Autonómicas e a forma de facelo.
Malia as dificultades debidas ás fendas dixital e rural que hai en Galicia, dende a dirección consideran un éxito o Plenario, xa que permitiu que todas as inscritas que quixeron puideran compartir as súas posicións co resto.
No Plenario inscribíronse máis de 200 persoas, votando o 62% a favor de presentarse, o 21% en contra e absténdose o 17%.
Na cuestión referida a se presentarse en solitario ou en coalición, un 12% votaron a favor de concorrer en solitario, fronte a un 73% que apostou por facelo nunha gran coalición, incluíndo nela a Mareas e plataformas Municipais (83% a favor) así como a forzas soberanistas que defendan un programa baseado en combater as emerxencias climática, social e feminista que vive o noso país, pulando por unha nova normalidade xusta e sostible.
As pulsións das xuntanzas comarcais que celebramos hai semanas foron confirmadas nas votacións de hoxe, polo que apostamos por seguir tentanto transformar os contactos en acordos, seguindo abertos a falar con todos os axentes políticos, sociais, etc. que se manifesten preocupadas pola dispersión do voto progresista.
Por nós non quedará, se esa preocupación se concreta en vontade real de chegar a acordos.
Para nós é esencial encher de contidos e propostas a alternativa á fuxida cara adiante que defenderá Feijoo, visibilizando colaborativamente, xunto con outras forzas, uns obxectivos comúns na defensa do público, no rescate social e na transición da economía cara á coherencia climática, así como nun cambio estrutural para un galeguismo feminista, xusto e sustentable.