Estás aquí: Inicio » O Parlamento galego aproba a iniciativa de En Marea para acabar “precariedade, pobreza laboral e desigualdade”
O deputado de En Marea, Manuel Lago, denunciou a precariedade laboral que ten que soportar unha grande parte da cidadanía no noso país. E como mostra levou ao pleno do Parlamento a nómina de Carmela, unha traballadora de Vigo empregada dunha das principais empresas do sector de produtos elaborados do mar e que cobra 795 euros ao mes, leva seis anos traballando nesta empresa, ten contrato indefinido a xornada completa e aínda así non chega aos 800 euros.
Unha situación que pode considerarse privilexiada atendendo á realidade xa que das 8.000 mulleres que traballan neste sector a maioría ten contratos temporais con xornadas a tempo parcial e cun abuso da subcontratación a través de ETTs e empresas multiservizo para pagar salarios aínda máis baixos. Así, entre o 70 e 75 por cento das mulleres que traballan no sector está contratada través dunha ETT ou, aínda peor, dunha empresa multiservizo, para escaparse do convenio colectivo do sector. Por iso, en Galicia traballan miles de mulleres neste sector que apenas chegan aos 500 euros mensuais.
“A precariedade xa é unha característica estrutural do mercado de traballo en Galicia. Só o 47 por cento das persoas afiliadas ao Réxime Xeral da Seguridade Social, ten un contrato indefinido a tempo completo” denunciou Manuel Lago.
O resto, máis da metade da poboación asalariada do sector privado, está en situación de precariedade, ben porque ten un contrato temporal, porque traballa a media xornada, porque é fixa descontinua ou porque está en prácticas ou formación. Unha precariedade xeneralizada pero que afecta de forma especial ás persoas novas e ás mulleres e que se transforma en pobreza laboral, porque “a crise, pero sobre todo a xestión neoliberal da crise, reformas laborais incluídas, son responsables que na Galicia do século XXI volva a haber traballadores pobres, persoas que a pesares de ter traballo non poden vivir de forma independente”.
Os datos do IRPF demostran que 450.000 persoas asalariadas ingresaron menos de 900 euros brutos ao mes en 2016, a metade dos que traballaron como asalariados ese ano en Galicia o que leva a poder afirmar que máis da metade da clase traballadora está en precariedade.
“Precariedade, pobreza laboral e desigualdade, porque as políticas da dereita teñen agrandado as diferenzas ata niveis descoñecidos na historia recente do noso país, tamén no mercado de traballo” denunciou o deputado de En Marea.
Os datos dos ingresos do IRPF demostran tamén que a masa salarial do 1 por cento con maior renda foi superior a do 31 por cento dos que cobran menos. Isto é, que 13.000 persoas, cobraron máis que os 312.000 persoas de menos ingresos. “As elites, a minoría social, gana de media 65 veces máis que as persoas precarias de baixos salarios” incidiu Manuel Lago que asegurou que “este deterioro social, esta transición dende un mercado de traballo precario a unha sociedade precaria é a consecuencia da devaluación interna e das reformas laborais impostas co obxectivo de reducir os dereitos laborais co fin último de baixar os salarios”.
Na súa intervención denunciou tamén as reformas laborais aprobadas para debilitar a negociación colectiva e darlle máis poder ás empresas para desequilibrar aínda máis as relacións laborais.
“Nós non nos resignamos a que o presente e o futuro do mundo do traballo en Galicia sexa a precariedade, a pobreza e a desigualdade” declarou Manuel Lago e por este motivo, o grupo de En Marea presentou unha moción na que se pedía trasladar á Xunta de Galicia as demandas do Consello Económico e Social de Galicia en favor dun modelo de crecemento inclusivo, con menos desigualdade e unha redistribución máis xusta da renda, que pasa pola mellora na calidade do emprego.
“Cando negociamos situar o salario mínimo interprofesional en 900 euros pensabamos en Carmela. Nas 8.000 mulleres que traballan no sector dos produtos elaborados do mar. Nas 55.000 persoas que en Galicia ingresan menos de 900 euros traballando a tempo completo. Nas máis de 100.000 que non chegan a eses ingresos en parte porque traballan a tempo parcial” explicou Manuel Lago.
A iniciativa de En Marea foi aprobada no pleno do Parlamento cos votos a favor do PPdeG e PSdeG e a abstención do grupo parlamentario do BNG.