Estás aquí: Inicio » O Parlamento aproba por unanimidade a iniciativa de En Marea para establecer unha política retributiva máis transparente dos cargos públicos
O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a proposición de Lei presentada pola vicevoceira de En Marea, Carmen Santos, na que se insta á Xunta a realizar un estudo no que se analice o actual esquema retributivo dos responsables públicos galegos e realizar unha proposta que amose un compromiso real para establecer unha política retributiva máis transparente e coherente co fin de reducir o gasto total en soldos públicos.
Na súa intervención, Carmen Santos defendeu que a crise económica e as súas nefastas consecuencias foi sentida como unha estafa por grande parte da cidadanía e que veu xerada por diferentes motivos. “Uns dos máis relevantes, que ocasionou grande indignación a milleiros de cidadáns e cidadás, é que mentres os executivos no goberno aplicaban duros recortes sociais e laborais ao conxunto da cidadanía rebaixando as súas condicións de vida, este modus operandi aplicado sen compaixón á maioría social non era equivalente na súa aplicación aos altos cargos e directivos en todos os eidos, nin eran equivalentes na súa aplicación para tender á redución do gasto público, aos salarios e privilexios de innumerables cargos políticos e cargos públicos” declarou Santos.
Tal e como explicou a vicevoceira de En Marea, “certos partidos e executivos, intentan xustificar e defender estas políticas para non aplicar novas formas de limitación salarial con carácter exemplificante, ademais de para reducir o gasto público, dicindo que non se arranxa nada con estas medidas, que non se poden ter políticos low cost, que non supón un aforro orzamentario significativo ou que son medidas populistas”. Pese a isto. lembrou como Alberto Núñez Feijóo baseou a súa campaña electoral do 2009 na denuncia do despilfarro en supostos coches de luxo e en soldos de conselleiros e
de cargos de “chiringuitos” do bipartito. “Unha agresiva campaña que tivo impacto nos medios e coa que conseguiu chegar á Presidencia da Xunta” afirmou. Nove anos despois, e xa afianzado como presidente con tres gobernos consecutivos de maioría absoluta, aquelas denuncias de despilfarro parece que non existiron, e o Partido Popular de Galicia acusa a quen denuncia estas prácticas de maneira reiterada de “populistas”.
Así, como subliñou Carmen Santos a día de hoxe o presidente galego defende os soldos astronómicos para cargos e entidades que moitos cidadás e cidadáns poden percibir como chiringuitos, como é o caso do Suplusa, da Deputación de Lugo. “Para o goberno da Xunta e o seu presidente, a crise rematou ou non, según a súa conveniencia política, ou de intereses que nada teñen que ver cos dos cidadáns que ten que gobernar” lamentou. “Feijóo apoiou que o seu partido aprobara para o ex socialista, e deputado non adscrito en Lugo, Manuel Martínez, un salario superior aos 71.000 euros, case o mesmo que cobra el mesmo como Presidente da Xunta, que cobra 72.000 euros de salario on argumentos esperpénticos, unha decisión na que deron marcha atrás a semana pasada despois de que En Marea incluíse no pleno esta iniciativa” destacou Carmen Santos.
“O que observamos son escusas para colocar a unha clientela política e pagala cos cartos de todos e todas. Este tipo de prácticas, que agochan accións escurantistas e clientelares, teñen o noso total rexeitamento porque ademais de non ser éticas, e en certos casos dubidosamente legais, son infames xa que se sufragan cos cartos de todos e de todas” asegurou Carmen Santos.
A vicevoceira de En Marea no Parlamento incidiu no rexeitamento radical do seu grupo contra este modelo de goberno e por este motivo presentou esta iniciativa no Parlamento que finalmente logrou o apoio unánime de toda a Cámara galega.