Estás aquí: Inicio » O Parlamento aproba instar á Xunta a levar a facer efectivo o traslado da Oficina Agraria comarcal de Lalín a unhas novas instalacións como solicitou En Marea
A deputada Paula Quinteiro denunciou en comisión o mal estado das actuais e defendeu a necesidade de garantir unhas condicións laborais mínimas que agora mesmo non se están a cumprir
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2017.- En Marea logra a aprobación por unanimidade a proposta de facer efectivo o traslado da Oficina Agraria comarcal de Lalín a unhas novas dependencias ante o deterioro e mal estado das actuais que non garanten unhas condicións de traballo dignas. A deputada no Parlamento, Paula Quinteiro, lembrou que na actualidade traballan máis de 300 profesionais nas Oficinas Agrarias Comarcais de Galicia entre veterinarias, enxeñeiras agrónomas, enxeñeiras técnicas agrícolas e persoal administrativo divididas nas case 70 oficinas distribuídas por todo o país.
Nos momentos actuais de crise dos sectores agro e gandeiros, a Consellería non é quen de, primeiro, dotar de persoal suficiente ás oficinas agrarias comarcais, e, segundo, non ter nunhas condicións dignas as instalacións onde se atopan as súas traballadoras e traballadores.
“As traballadoras e traballadores desta OAC están a traballar nunhas instalacións e condicións indignas e deficientes, tanto para elas e eles, como para as usuarias e usuarios que acoden diariamente a ditas instalacións” denunciou Quinteiro que lembrou que as propias traballadores e traballadores reemitiron diferentes escritos á Conselleira do Medio Rural, Consellería de Facenda é a Valedora do Pobo, achegando fotos das instalacións, das concentracións, de diferentes incidencias (goteiras) ou o informe de COGAMI. Tamén se remitiu o Informe de Avaliación de Riscos resaltando diferentes incumprimentos e medidas correctoras sen executar.
Actualmente estase a incumprir a normativa relativa á accesibilidade (escaleiras empinadas, ausencia de ascensor, aseos inaccesibles para persoas con discapacidade,…), as instalacións eléctricas están anticuadas (riscos de electricidade, non hai saída de incendios, cableado á vista e polo chan…), a auga de consumo humano non e potable e carecen de auga quente. Así mesmo, o aseo para os empregados e empregadas as está moi deteriorado e non existen duchas necesarias para o persoal de campo. Non existen instalacións para a manipulación de material biolóxico perigoso (e non perigoso). As condicións higrotérmicas, de iluminación e ventilación están fóra dos rangos establecidos. A oficina está situada na primeira planta sobre unha panificadora industrial coas conseguintes emisións de fumes, ruídos e vibracións, e colaborando co aumento de temperatura no ambiente.
Por todo o isto o grupo parlamentar de En Marea presentou unha Proposición non de lei en comisión, aprobada por unanimidade, e na que se recollía que:
O Parlamento de Galiza insta a Xunta de Galiza a facer efectivo o cambio das instalacións da Oficina Agraria Comarcal de Lalín a unhas novas dependencias, xa que estas atópanse nun estado lamentable.