Estás aquí: Inicio » Nove listas concorrerán no proceso de primarias de En Marea para as eleccións Xerais e Europeas
O Comité Electoral rexistrou catro listas para o Congreso, catro listas para o senado e unha lista para a cámara europea
Santiago, 1 de marzo de 2019.- Rematado o prazo de presentación de candidaturas para o proceso de primarias de En Marea no que se escollerán os candidatos para as eleccións xerais do vindeiro 28 de abril e máis as eleccións europeas que terán lugar o 26 de maio, o Comité Electoral que vela polo correcto desenvolvemento das mesmas anuncia que están rexistradas nove listas para participar neste proceso de primarias.
Unha vez rexistradas as nova candidaturas para as primarias, queda aberto un prazo de dous días, que rematará mañá sábado, as 23.59h para a posible subsanación de erros. Completado este trámite, o Comité Electoral dará a coñecer as candidaturas presentadas o vindeiro 4 de marzo. Ese mesmo día comezará a campaña electoral que permanecerá aberta ata o vindeiro xoves, 7 de marzo.
Das nove listas presentadas, 4 son listas ao Congreso, outras catro para o senado. En ambos casos, unha candidatura a cada cámara por provincia. A novena lista presentada é a que corresponde ás eleccións europeas.
Estas nove listas serán sometidas á decisión das inscritas de En Marea, que mediante as primaras darán forma e orde ás candidaturas que se presentarán nas vindeiras citas electorais.
O Comité Electoral amosa a súa satisfacción polo esforzo que están demostrando as inscritas da organización para conseguir listas de unidade popular e confluencia que garantan, sexa cal sexa o resultado do proceso, unha defensa dos intereses das galegas.